A evolución do mercado europeo e do sector lácteo está a poñer ao borde da creba ao medio rural. Neste sector endebedado é a hora de facer política de altura. Tal como recentemente se reclamaba desde o sindicato labrego galego ao goberno entrante na Xunta, precísase un plan de choque para enfrontar unha situación insostible. Números cantan: algúns gandeiros están vendendo o seu leite a dezaseis céntimos o litro para ser transformado en leite en po, cando producir un litro de leite ten un custe medio que pasa dos 30 céntimos.
Política de altura, dicimos, porque, revestido de mercado único e de euro-verborrea, estase dando un fenómeno gravísimo que altera o mercado: trátase dun “dumping”, amparado polas políticas agrarias e comerciais, e consiste e rebentar o mercado mediante nunha entrada masiva de leite de fóra –de menor calidade e sen a debida transparencia de cara ao consumidor-, a prezos baixos, a través sobre todo das denominadas “marcas brancas” dos grandes distribuidores comerciais.
A indignación do sector lácteo contra Europa ten unha longa traxectoria eu un pano de fondo: como resultado das malas negociacións realizadas no seu momento, ao Estado Español (no que Galicia é de longo a maior productora) se lle limitou a produción moi por debaixo do seu nivel de consumo. O mercado español é deficitario en leite, pois teno que importar, pero a Galicia non se lle deixou aumentar esa producción cara ao seu “mercado natural”. É a historia, tantas veces repetida na Irimia do “condenados a permanecer ananos”.
Un plan, ademais, que asegure que os pequenos e medianos productores –que son os que manteñen un medio rural económica e ecolóxicamente vivo- no sufran as consecuencias dos posibles recortes de producción e cambios no sector pola superación do sistema de cotas.
A política agraria non se pode basear só en criterios economicistas ou productivistas, porque hai moitos outros valores en xogo. Medidas como favorecer a produción leiteira menos intensiva e máis autónoma, a base de forraxes locais e pastos permanentes, ten efectos medioambiantais e demográficos positivos, sen esquecer o enorme valor dunha sociedade que se asente sobre o principio da soberanía alimentaria.