Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica a pé de palco

4.940 gaiteiros menos, mais moi 'popular'

A festa foi festa até que chegou o protagonista. A xente, máis que de discursos, tiña ganas de fotos con Aguirre e Gallardón. A popular (sen comiñas) cantante Lucía do Incio puxo a guinda cunha interpretación, tamén moi pop, do Himno.

Fernando Arrizado - 19:35 18/04/2009

Confirmado. O embaixador español no Vaticano non estivo este sábado en Compostela. A aclaración pode parecer excesiva, xa que ao ex alcalde coruñés -coido- ninguén o convidou, mais non todos os días se ven no Obradoiro homes engominados, en traxe ben feito e cunha banda rojigualda cruzándolles o peito.

Fóra da curiosidade -e do susto!-, o certo é que 'comparsas' houbo poucas no primeiro acto público do novo presidente. Ben, estaban 'Las niñas de Feijoo' (As cativas de Feijoo) cunha faixa que así as acreditaba, mais non eran máis que dúas e, ou moito me engano, non tan niñas.

Tampouco houbo gaiteirada. Concretamente, segundo axencias (eu daquelas non os contei), 4.940 músicos menos que na última e derradeira toma de posesión de Fraga (este si que estaba). Porén, o que abofé había era moita xente. Nin multitude, nin catro gatos, moita, aínda deixando sen contar a congregación de axentes da lei e suxeitos musculados con pinganillo na orella.

Xente, ademais, de toda condición social: había vellos e mozos, homes e mulleres, galegofalantes e "bilingües". Habíaos de Vigo, e habíaos do Carballiño. Dolce&Gabanna e vellas desdentadas. Va que non todos ingresan o mesmo a fin de mes? Había persoas que o único que semellaban poder compartir era a súa simpatía polo PPdeG e a súa animadversión cara á "imposición do galego". Popular, popular. Dá que pensar.

Realmente, a festa foi festa até que chegou o protagonista. A audiencia, máis que de discursos, tiña ganas de berrar "Feijoo, guapo!" e de lle tirar fotos á Aguirre e ao Gallardón. Lucía Pérez, a popular (sen cursiva, polo menos no Incio) cantante, puxo a guinda cunha interpretación, tamén moi pop, do Himno.

Mais o mellor viría na sobremesa, que a algúns xa lles tardaba. Aínda non finalizara o último dos Nazón de Breogán -que Rajoy soportou con moita clase- e o Valedor do Pobo, Benigno López, xa estaba acendendo un pito. E todo o mundo daba abrazos, e tiraba fotos aos famosos, e as mulleres bicaban a Feijoo, e os de Madrid tentaban fuxir, e boinas e birretes misturábanse. E, de súpeto, comezou a chover.


PD. O poema de Pessoa recitado por Feijoo, en versión orixinal:

Para ser grande, sê inteiro: nada
Teu exagera ou exclui.
Sê todo em cada coisa. Põe quanto és
No mínimo que fazes.
Assim em cada lago a lua toda
Brilha, porque alta vive.


4.54/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: