Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acto na Praza do Obradoiro, este sábado en Compostela

Feijoo escenifica a súa 'coroación' ante un público diverso, arroupado pola cúpula do PP, e citando a Piñeiro, Terencio e Pessoa

Miles de persoas, do rural e das cidades, aclamaron o novo presidente do Goberno, cun discurso que recibiu os maiores aplausos cando, en castelán, falou da "lingua propia, que escollemos en liberdade".

Fernando Arrizado / Fotos e vídeo: Isabel G. Couso - 14:05 18/04/2009

"Un galego máis". Está foi a frase coa que o novo presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, rematou o seu discurso deste sábado en Compostela, no primeiro acto público que protagoniza e que serviu para escenificar solemnemente ante o pobo á súa toma de posesión como líder do Executivo.

Media Praza do Obradoiro reservada para autoridades -entre as que salientaban as ausencias dos dous ex presidentes socialistas, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, e do representante do goberno español, Manuel Chaves, que si estiveron pola mañá no Parlamento- e o palco, ocupado por 60 integrantes da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

A outra media praza, ateigada de simpatizantes do PP chegados de diversos puntos da xeografía do país, e que ofrecían un mosaico diverso, onde se misturaban habitantes do rural e das cidades. Entre o público, bandeiras galegas e españolas por igual, e faixas con lemas como "Porriño con Feijoo", "Fisterra popular" ou "Feijoo, o Obama galego".

O presidente chegou ao Obradoiro cinco minutos despois da hora prevista, ás 12.35 horas, e pasadas as menos vinte, logo de atravesar a praza saudando á xente que se lle achegaba e da interpretación do Himno do Antigo Reino de Galiza, Feijoo xa estaba no palco para dar un discurso que se estendeu menos de media hora.

Co "inmenso agradecemento ao pobo galego pola súa confianza" iniciou a súa alocución, para de seguido botar man de Ramón Piñeiro e o seu "galeguismo consciente", que "tomo como propio porque así debo exercer". "Galeguista, que é o trazo que define a nosa personalidade colectiva: o que, con diferentes matices, nos une", afirmou.

Traballo pasado e traballo por facer
O divino deu pasou ao humano, e recordou un dos retos máis importantes que deberá afrontar o seu Executivo e no que tanto incidiu durante a campaña electoral: "a situación de tantas familias galegas, das súas inquedanzas, das súas preocupacións, de que hoxe, nesta crise, son demasiadas as que ven o futuro con temor ou como unha ameaza".

O momento económico deulle pé a citar outro clásico, Terencio. "Son home, nada humano éme alleo. Non o debo esquecer", admitiu. No entanto, Núñez Feijoo tratou de facer un discurso optimista, confiando nas potencialidades do país e da mocidade.

Mirando cara ao futuro, mais sen esquecer o traballo dos seus antecesores Fernández Albor, González Laxe e Pérez Touriño, e cunha mención especial a Fraga Iribarne. "Os seus acertos foron decisivos para que Galiza culminara a súa primeira modernización", o que arrincou o primeiro dos grandes aplausos.

"O galego, lingua que escollemos en liberdade"
Mais a maior ovación do Obradoiro, sen distincións, chegou cando abordou o tema da lingua, curiosamente un dos poucos momentos en que utilizou o castelán -ademais de cando falou dos emigrantes, "tan galegos como os que pisamos esta terra cada día". Dentro do discurso incongruente e desconcertante que defende o PPdeG ao respecto do galego, Feijoo dixo:

"Somos unha Galiza orgullosa de si mesma, que convive cordial e civicamente. Que valora a riqueza do coñecemento, que é quen de explicarlles en castelán, a aqueles que non son galegos, que en Galiza temos unha lingua propia, que amamos e que escollemos en liberdade". "A liberdade -engadiu, xa en galego- só pode molestar a aqueles que non a queren para os demais".

Contrato electoral
Sintomático pode resultar que outro dos grandes aplausos da audiencia -se non, o segundo- chegase de novo a raíz da cuestión lingüística, e do suposto conflito que os populares viron na última lexislatura -dándolle pávulo a organizacións contrarias á normalización do galego- como consecuencia da "imposición".

Feijoo, recordou o contrato electoral que fixera durante a campaña, e que un dos seus obxectivos como presidente é "recuperar os consensos en torno aos nosos símbolos identitarios, moi especialmente no idioma: o galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición e debe garantirse a liberdade para escoller a lingua en todos os ámbitos".

Mais tamén enumerou outras das metas recollidas no seu 'contrato', en realidade, lugares comúns das tres forzas do arco parlamentario: Menos impostos para as familias, aposta pola innovación, compromiso de austeridade, respecto polo medio ambiente, ...

Emigración, galeguismo, ... Faltáballe a Feijoo un outro símbolo no panexírico dos símbolos da Historia de Galiza, "os nosos veciños portugueses". Elixiu un dos máis senlleiros, o escritor Fernando Pessoa, do que recitou, en galego, o poema Para ser grande, sê inteiro, co que puxo punto e final ao seu discurso.

Logo chegaría a interpretación, íntegra, do Himno, e ao rematar, a avalancha de abrazos aos integrantes da primeira fila e felicitacións de compañeiros e persoas anónimas e doutras que queren deixar de selo.


3.26/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Ambiente no obradoiro no acto de celebración da toma de posesión de Alberto Núñez Feijoo

Feijoo e Rajoy durante a interpretación do Himno
Feijoo e Rajoy durante a interpretación do Himno
Na primeira fila, seguiuse con aplausos o discurso de Feijoo
Na primeira fila, seguiuse con aplausos o discurso de Feijoo
Ao remate do acto, Feijoo posa ante os numerosos fotógrafos
Ao remate do acto, Feijoo posa ante os numerosos fotógrafos
No Obradoiro, seguiron o acto miles de persoas
No Obradoiro, seguiron o acto miles de persoas
Entre os presentes, estaba o ex-presidente da Xunta Manuel Fraga
Entre os presentes, estaba o ex-presidente da Xunta Manuel Fraga