Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta fin de semana, no Congreso Extraordinario

No PSdeG han xogar a unha mestura de "poker e crebacabezas"

Os socialistas auguran "bastante renovación" na Executiva. Tamén dan por feito que os alcaldes serán excluídos do máximo órgano.

Redacción - 09:00 23/04/2009

A Executiva do PSdeG que sairá do Congreso Extraordinario que os socialistas celebran entre esta sexta feira e o sábado en Pontevedra, contará cunha "renovación bastante importante" polo que fontes socialistas conclúen que quen resulte elixido secretario xeral deberá facer "unha mestura de poker e crebacabezas" para que os "encaixes" agraden ás distintas agrupacións.

Ademais, as mesmas fontes coinciden ao sinalar que, no caso -"máis que previsíbel", sinalan- de que o ex conselleiro de Medio Ambiente e líder do PSdeG en Ourense, Manuel Vázquez, resulte elixido sucesor de Emilio Pérez Touriño á fronte da Secretaría Xeral do partido, os alcaldes serán os primeiros en saír da dirección, posto que Vázquez puxo como condición a "dedicación" ao partido. De feito, só formaban parte da anterior Executiva os rexedores de Ferrol e Fene (Ferrol); A Estrada (Tabeirós-Terras de Montes), Ourense, O Barco de Valdeorras (Valdeorras) e A Pontenova (A Mariña); aínda que nesta ocasión "hai preferencias para meter a uns si e outros non". En todo caso, fontes próximas ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzaron que este "non quere estar" e aseguraron que "outros" tamén manifestaron a súa intención de non formar parte da cúpula.

De todos os xeitos, dende a Comisión Xestora do PSdeG mostráronse partidarios de que os primeiros edís se integren no Consello Territorial posto en marcha por Touriño co obxectivo de que "conten cun foro de expresión no que tamén teña representación a Executiva" e "non queden á marxe". "Ou poden integrarse na Executiva, simplemente como apoio político e para dar imaxe de unidade e de poder institucional", esgrimiron. Así, ante a previsíbel redución de todos aqueles membros do partido máis afíns ao dimitido Touriño, e coa incorporación "dalgunhas caras novas" que dependen das "esixencias" das agrupacións locais do partido, o PSdeG dá por feito que se constituirá unha Executiva "similar á federal", é dicir, con 30 ou 35 membros. Contará cun nivel superior -a Permanente, que se reunirá semanalmente, segundo o esquema de Vázquez- no que se concentrarían "unhas 10 ou 12 persoas con máis tempo e responsabilidade".


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: