Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Mapa estatal de zonas "aptas"

O PPdeG pedirá que a Cámara rexeite, outra vez, os parques eólicos mariños

A medida xa fora aprobada unanimemente en novembro de 2005 por 'populares', socialistas e nacionalistas. Ademais, culpan a Xunta bipartita da situación.

F. A. - 19:30 29/04/2009

O voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, solicitou esta cuarta feira o "apoio" de PSdeG e BNG no Parlamento para evitar a construción de parques eólicos mariños no litoral de Galiza, instalacións desaprobadas polos expertos ambientais, e reclamarlle ao goberno español un novo marco normativo polo cal a Xunta debería emitir un informe preceptivo.

O popular avanzou que o seu grupo rexistrará unha iniciativa "encamiñada a lograr un rexeitamento unánime das tres forzas" á instalación dos citados parques. Porén, os tres grupos parlamentarios xa acordaran en novembro de 2005, por unanimidade, "a súa posición contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral de Galiza".

Ruíz Rivas, no entanto, considera que "urxe unha acción decidida da Xunta e do Parlamento para arranxar esta chapuza do anterior Goberno e poñerse a traballar para que non se instale ningún parque". Ademais, asegurou que a situación actual se debe a que o Executivo bipartito -que interpuxo un recurso de inconstitucionalidade- "non formulou alegacións" no seu debido momento.

O parlamentario quixo aclarar que "aínda que tardío", o recurso presentado foi aplaudido naquel momento polo seu grupo. Tamén, o Senado aprobou en setembro de 2007 unha iniciativa do BNG na que se instaba o goberno español a respectar as competencias da Xunta en enerxía eólica.

Ruiz Rivas precisou que unha nova votación servirá para lle "recordar ao Estado" a posición do país a prol de "protexer os recursos pesqueiros, marisqueiros, ambientais e paisaxísticos" do noso litoral, "máis tendo en conta o excedente do sector enerxético" en Galiza.

Informe preceptivo da Xunta

Por outra banda, segundo informa Europa Press, o voceiro parlamentario do PPdeG apostou por que un informe favorábel da Xunta á instalación dos parques eólicos mariños "sexa preceptivo" ao procedemento administrativo tramitado polo goberno español para a reserva das zonas.

O texto deberá xustificar se a capacidade de evacuación da enerxía producida "se axusta á súa planificación enerxética", posto que o transporte deberá efectuarse mediante liñas terrestres, das que teñen competencia as comunidades autónomas.

Neste senso, Ruíz Rivas pediu ademais que na comisión de valoración das solicitudes de reserva de zona exista un representante designado pola consellería competente en materia de enerxía e dos departamentos relacionados coa pesca, o medio e o territorio.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: