Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á beira da alarma sanitaria

A gripe do porco: pánico nos medios, festa na bolsa

Hai unha década que os científicos veñen advertindo da perigosidade dun virus seica fácil de controlar. A alarma social medra, mentres só foron constatadas 8 mortes en todo o mundo.

Redacción - 17:00 30/04/2009
Cunha máscara decorada, para evitar o contaxio, en DF

Cunha máscara decorada, para evitar o contaxio, en DF

De entre as moitas páxinas que se publicaron relacionadas co tema, salientamos este xoves unha análise feita pola revista New Scientists, na que se constata que esta situación "deberamos prevela". A prestixiosa publicación científica sinala que este virus foi descuberto en 1998 nos EUA, e dende aquela converteuse en endémico nas granxas de porcos, mais que tras a mutación con virus humanos e aviarios, comezou a propagarse a elevada velocidade.

Nesta liña tamén sinalan que a nosa resposta ante a gripe é o que fai que esta se poida converter nunha doenza leve ou grave. Segundo contan, a cepa do virus que circula por México leva unha versión da peste porcina, polo que os anticorpos humanos poderían non recoñecela, nalgúns casos. Así e todo, dende que comezaron a chegar do outro lado do Atlántico, noticias sobre a chamada gripe do porco, e se foron fabricando máis, ninguén puxo en causa a dureza e a problemática desta infección, e todas as informacións orquestradas pola OMS déronse por boas, mesmo os nomes dos "medicamentos oficias" que é preciso tomar para frear o virus.

As mortes constatadas por causa desta mutación do virus H1N1 son oito en México, e unha nos EUA. Aínda non se soubo a causa real da morte doutro cento de persoas dos que se fala en México, e non hai indicios patolóxicos de que todas estas mortes estean vinculadas cunha nova cepa da gripe. Por outro lado, a maior parte das persoas que viaxaron ao país centroamericano e volveron a Europa coa gripe están mellorando, metidos na cama, como adoita acontecer cando se colle esta doenza. Fronte ao baixo risco do que se está falando para os enfermos desta beira do Atlántico, non sucedería o mesmo na beira mexicana, onde algunhas informacións sinalan tamén o deficiente sistema sanitario como posíbel factor engadido á situación.

Collendo exemplo do que  lectores de Vieiros apuntaban nos comentarios a pé dalgunha das informacións dos últimos días, o que o columnista británico Simon Jenkins chama "histeria" nun seu artigo en The Guardian, comezou a propagarse, a través dos medios de comunicación, a nivel internacional dándolle nomes á gripe coma "vaga mexicana" e sinalando que "podería afectar" a milleiros de persoas, e "probabelmente leve á perda" de millóns de euros. Mais hai que ter en conta que con todo o relacionado coa saúde, a xente perdería a capacidade de "xulgar o risco", e ten que recorrer a expertos que "abusan do emprego de palabras coma posibelmente, potencialmente, podería ou debería", conta Jenkins.

Viraxe na bolsa das empresas relacionadas
A gripe do porco é unha doenza causada polo virus común H1N1 que podería ter mutado con outros virus. Segundo Jenkins, non se trata -aínda- dunha pandemia, pese ao que digan os medios de comunicación e a OMS, e empregar termos como "virus potencialmente terríbeis" -usado pola BBC- non ten sentido, xa que "calquera infección viral pode ser, potencialmente, moi daniña". "A gripe fai que te sintas mal, debes tomar os retrovirais e descansar, e pouco a pouco vas sandando, a non ser que haxa algunha complicación. É mellor evitar o contacto estreito con outras persoas, como se debera facer tamén cunha catarreira común" subliña o xornalista británico. Nesta liña, Jenkins sinala que coa saúde acontece unha cousa parecida do que co terrorismo, que a xente é asustada por persoas expertas das que dependemos, "e que están cheos de arelas de beneficiar algunhas empresas" -farmacéuticas-, empregando os medios de comunicación como altofalantes.


Ao fío, contámoslles que as dúas empresas que fabrican os retrovirais que recomenda a OMS para atallar o avance desta gripe -os laboratorios Roche e Glaxo Smith Kline-, estaban, até hai nada, nunha situación económica complicada. As accións de Roche, que fabrica o Tamiflú (oseltamivir), o medicamento empregado contra a gripe aviaria e ao que tamén é sensíbel esta gripe, subiron o domingo pasado un total de 144,6 puntos, un 3,58% respecto ao día anterior.


4,6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: