Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Gael Briand, dirixente da UDB (Bretaña)

"É evidente que os bretóns non queren polo momento a independencia"

O responsábel de Relacións Internacionais das mocidades do partido móstrase pragmático respecto aos pasos a dar dentro dun Estado xacobino por definición.

Fernando Arrizado - 18:30 06/05/2009
Gael Briand

Gael Briand

Gael Briand (Lorient, 1984) é licenciado en Xeografía. Formou parte de varias asociacións estudantís de caracter social e ambiental. Malia militar na Unión Democrática Bretoa (UDB) dende hai poucos anos, foi candidato nas eleccións locais de 2008 na Rexión da Bretaña. Ademais, na actualidade é responsábel de Relacións Internacionais das mocidades do partido. É autor do blog La politique du chacal.

Vieiros: Que lles pode ofrecer aos cidadáns unha Europa dos Pobos que non o faga xa ou non o poida facer a Europa dos Estados?

Gael Briand: Dende un punto de vista democrático, a soberanía perténcelle ao pobo, non aos estados. Para ser claro, están aí polo pobo non ao revés. Un estado só existe cando os pobos que o habitan o aceptan. Noutras palabras, algúns pobos non están representados polos estados. E este é claramente o caso da Bretaña, á que Francia lle nega o mínimo dereito colectivo.

Unha Europa dos pobos responde mellor ao lema europeo "unidade na diversidade". Ademais, cada vez máis estudos demostran -a ONU acábao de dicir- que o nivel máis axeitado dende o que abordar os problemas mundiais é o rexional. Para resolver as crises ecolóxicas, sociais, económicas, sanitarias, que están ligadas ao territorio, perto da poboación.

Esta é a razón da loita da UDB pola autonomía da Bretaña. Cremos que a autonomía sería máis eficaz ca un estado centralizado como é Francia, e no caso da UE é igual: se quere ser eficaz ten que ser policéntrica, non distante.

Como é que a República Francesa, responsábel en boa medida da fundación do actual sistema democrático, sexa tan reticente a permitir que os pobos que a sustentan teñan dereito á autodeterminación?
Responsábel do actual sistema democrático? Eu non nego o papel da Revolución Francesa, mais atribuírlle a supervivencia da democracia a Francia é demasiada honra. Acabo de regresar da Illa de Man, cuxo sistema parlamentario está considerado o máis antigo do mundo. E os piratas xa adaptaran moito antes da Revolución códigos democráticos similares aos contemporáneos.

Non hai que esquecer que, aínda que é certo que a Revolución Francesa marcou un punto de inflexión na historia da democracia, esta feliz utopía naceu da "masacre" de Robespierre e dos seus amigos. O Club dos Xacobinos prevaleceu sobre os Xirondinos (federalistas) e levou a unha Francia centralizada de dous séculos. De feito, a Francia revolucionaria vese ameazada polas monarquías veciñas, por iso constrúese en base a un Estado forte e bastante inflexíbel.

Isto segue a ser certo hoxe en día. A Revolución Francesa deu aos bretóns dereitos individuais, mais privounos dos colectivos. Canta máis nación, máis pobo, máis lingua bretoa... máis uniformidade. Cómpre lembrar que o lema de Francia neste período é "Liberdade, Igualdade, Fraternidade ... ou Morte".

O dereito dos pobos a dispor de si mesmos non está contemplado de verdade nos estados que tiveron un imperio colonial. Se non, que motivo terían para rexeitar os referendos? En Escocia -aínda que o deseño colonial do Reino Unido é máis pragmático que o de Francia-, no País Vasco, en Cataluña ... ? A UDB tamén exixe un referendo para solicitar a devolución da Loire-Atlantique, mais até o de agora negóusenos.

Cal é a situación actual do pobo bretón dende un punto de vista económico e social?
A situación económica da Bretaña mellorou significativamente en comparación coa situación que coñeceron os meus avós. Respecto do PIB, o Peuple breton (publicación da UDB) de abril afirma que a Rexión da Bretaña se está fortalecendo. Con todo, o certo é que Bretaña comezou dende unha situación difícil cando a xente emigraba a París.

Mais esta mellora non é suficiente, porque temos unha gran cantidade de desempregados e de precariedade laboral. Ao estar Francia centralizada, Bretaña non ten ningún sector estratéxico fóra do militar -xestionado desde París- e algo nas novas tecnoloxías. A gran maioría dos focos de poder está en París.

E dende unha perspectiva de emancipación nacional?
A pregunta debería ser quen representa o pobo bretón, porque a maioría din que se senten franceses. A UDB loita polo dereito a que o pobo bretón sexa recoñecido como tal, nese senso pode ser considerado nacionalista. Mais as palabras teñen significados con diferentes connotacións segundo o territorio e a súa historia. En Francia, o nacionalismo asóciase coa Segunda Guerra Mundial.

Non creo que a emancipación nacional dependa da situación económica, senón da vontade do pobo. É evidente que os bretóns non queren polo momento a independencia. Esta situación podería mudar, mais cando un pobo rexeita algo non llo imos impor. A UDB defende a autonomía, que é o normal para millóns de europeos, non un combate contra Francia.

En que estado se encontran as linguas minoritarias en Francia, en particular, a lingua bretoa?
Non teñen estatuto ningún. Agora están recoñecidas pola Constitución, mais non como linguas oficiais. Ademais, Francia é un dos poucos Estados que non ratificaron a Carta Europea das linguas minoritarias. O goberno bloquea a apertura pública das clases en lingua bretoa, négase a recoñecer as escolas de inmersión (Diwan, rede privada de escolas), non fixeron ningún esforzo para explotar esta riqueza cultural.

O Consello Rexional de Bretaña, malia o seu pouco peso político e financeiro ten outra visión. Aprobou en 2004 unha política lingüística, recoñeceu o bretón e o galó. Mais non é suficiente. Un informe recente de Fanch Broudic (xornalista responsábel das emisións en bretón de France 3) estima que hai aproximadamente 200 mil falantes. A Unesco clasificouna de lingua en grave perigo de extinción.

Avanza o movemento nacionalista na Bretaña ou está en declive?
Creo que está activo, mais apenas é oído. Polo xeral, moi centrado nos cambios institucionais e culturais. A UDB defínese como partido non como liga ou grupo de presión. Esa é a razón pola que defende un verdadeiro proxecto social, bretón, mais tamén ambiental e social. O movemento autonomista que defendemos se está a asentar dende a entrada ao Consello Rexional en 2004 (tres representantes). A proliferación de ataques ao noso pequeno partido, de só 800 militantes, dende a prensa por exemplo, demostra que somo perigosos. Iso é moi bo.

Que relación hai entre os distintos partidos políticos da Bretaña?
É amábel dentro do respecto democrático. A UDB é o único partido autonomista bretón. Os outros partidos (só bretóns) son separatistas. A súa visión da sociedade non se parece á da UDB. Isto non impide que coincidamos en temas comúns ou en manifestacións para reclamar o quinto departamento bretón ou para defender a lingua.

E a relación con outras nacións sen Estado, por exemplo, con Galiza?
A UDB sempre prestou atención ao eido internacional. Na década de 1960, cando se funda a UDB, fai campaña contra a descolonización. Ponse en contacto con partidos como o Plaid Cymru (Gales) ou o SNP (Escocia). E pouco a pouco, con moitos outros socios europeos, e tamén internacionais, como os mapuche ou os amazigh.

A UDB é membro fundador da federación Rexións e Pobos Solidarios, que reúne corsos, vascos, alsacianos, occitanos, cataláns e bretóns, e é tamén membro da Alianza Libre Europea. Como tal, a UDB ten boas relacións co BNG e anualmente o partido asiste ao Día de Galiza.

Cal é a súa avaliación da anterior lexislatura do Parlamento Europeo e que expectativas ten para os próximos cinco anos?
Lamento que haxa tantos conservadores. Con todo, o Parlamento é elixido democraticamente ... Hai lagoas na construción europea, non só de tipo político, senón tamén dende unha perspectiva institucional. A Unión Europea debería ser máis transparente e darlle máis poder ao Parlamento, o único representante directo do pobo.

Creo tamén que se debería revisar a base da política agraria porque é un dos maiores orzamentos administrados pola UE. Con todo, o modelo non é o que nós defendemos. A pesca tamén é problemática, mais hai que distinguir entre o que é culpa do Parlamento e o que non é. Dende o punto de vista ambiental, a UE vai por diante de Francia. Porén, algúns grupos de presión -pesticidas, enerxía nuclear- seguen sendo moi influíntes.

Tamén considero que a UE debería petar enriba da mesa e imporlle a Francia, non só que ratifique a Carta Europea de Linguas Minoritarias, senón tamén que lle dea máis competencias ás rexións. Non é de esperar, mais coa influencia da UE a situación cultural na Bretaña e no resto das rexións de Francia melloraría.


4,61/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: