Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras a ilegalización da candidatura

Iniciativa Internacionalista presenta un recurso condenando a violencia para conseguir fins políticos

O Constitucional ten até a media noite da vindeira quinta feira para emitir a súa sentenza, antes que comece a campaña para os comicios europeos.

Redacción - 08:00 19/05/2009

Varios representantes da coalición Iniciativa Internacionalista presentaron esta segunda feira un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional español, contra a anulación da súa candidatura para as eleccións europeas, decretada a pasada sexta feira polo Tribunal Supremo. Unha vez entregado este recurso, o TC ten até a media noite da vindeira quinta feira, 21 de maio, para tomar unha decisión, momento no que comezará a campaña para os comicios do vindeiro 7 de xuño.

O recurso inclúe novas probas que, segundo esta coalición, demostran a desvinculación de ETA ou o partido ilegalizado Batasuna, ao tempo que se fai fincapé na carencia de consenso que houbo entre os maxistrados do Supremo para ditar a anulación da candidatura. Cómpre lembrar que o TS baseou a anulación da lista de Iniciativa Internacionalista -da que fai parte a Fronte Popular Galega, FPG-, na argumentación de que esta coalición estaba sendo instrumentalizada pola organización ETA ou Batasuna.

No documento presentado, os membros desta coalición tamén condenan a violencia, empregada con fines políticos "no marco dun Estado democrático". Nesta liña, a candidatura volve reiterar que a ilegalización de listaxes electorais, ao abeiro da lei de partidos, é "un dos atentados máis graves dos dereitos civís e políticos rexistrados dende o 23 de febreiro de 1981".

Acto público contra a ilegalización
Na quinta feira, antes de que o TC dite sentenza, celebrarase un acto público no que diversas organizacións políticas, sindicais e sociais, entre elas a FPG, amosarán o seu rexeitamento da ilegalización da candidatura na que esta formación concorre aos comicios europeos.O acto desenvolverase no IES Santa Irene, na cidade de Vigo, a partir das 20h00.


4.5/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: