Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
'Estudos de Lingüística Galega'

A primeira revista electrónica da USC difundirá o estudo da lingua

A publicación pódese consultar libremente na web do ILG, aínda que tamén se imprimiron 300 exemplares para a súa conservación e intercambio bibliotecario.

Redacción - 12:25 27/05/2009
Imaxe do acto de presentación / Santi Alvite, USC

Imaxe do acto de presentación / Santi Alvite, USC

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou esta cuarta feira a súa primeira revista dixital, Estudos de Lingüística Galega. O paso de dispoñibilizar esta publicación na rede responde ao interese do ILG en facer chegar a investigación científica e filolóxica sobre a lingua instantaneamente a todo o mundo, mesmo a persoas que non coñecían a existencia do idioma galego.

Segundo explicou a directora do ILG e da revista, Rosario Álvarez, a revista está "aberta a ampliar a nómina de investigadores e investigadoras que estudan directa ou indirectamente o galego", e vén complementar as outras publicacións que existían sobre o mesmo tema, ao tempo que ocupa un espazo "complementario e integrador". O seu afán universalizador reflíctese en que dous terzos do seu comité de redacción están formados por persoas alleas ao ILG.

O director académico do Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC, Antonio Azaustre, afirmou que "a difusión do coñecemento está condenada a ser por vía electrónica", pero que a conservación dese material "pódese facer en papel". De feito, tiráronse 300 exemplares en formato físico, fundamentalmente para o intercambio bibliotecario entre as distintas universidades do mundo.

Segundo o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o feito de sacar a revista en formato electrónico foi un "esforzo que lles vai facilitar o traballo ás que veñan detrás", e salientou a "valentía" de lanzar unha publicación coa "ambición de ser revista de referencia", porque "hoxe non paga a pena saír cunha revista que pretenda ser unha máis".

A parte dixital de ELG pódese consultar na web do ILG, por seccións e por artigos, cada un deles con cadanseu resumo en formato texto. Ademais, cada un dos traballos publicados pódese descargar en formato PDF, así como a revista completa, de 297 páxinas. Tamén é posíbel subscribirse aos volumes que vaian saíndo mediante unha semente RSS ou por medio de avisos por correo electrónico. A consulta é aberta e gratuíta, precisamente para cumprir co seu obxectivo de difusión universal.


3.22/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: