Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Con máis de 200 pasaxeiros

Desaparece do radar un avión de Air France que viaxaba do Brasil a París

A compañía e a administración francesa e brasileira puxeron os seus operativos na busca do Airbus no Atlántico. As autoridades cren que "non hai esperanza".

Redacción - 14:05 01/06/2009
Tags: París
O voo era o AF 447

O voo era o AF 447

Air France confirmou a desaparición dun Airbus A330, que operaba a ruta entre Río de Janeiro e París, e contaba a bordo con 216 pasaxeiros e 12 tripulantes. "Air France lamenta anunciar estar sen noticias do voo AF 447 (...) cuxa chegada estaba prevista esta mañá, para as 11:15 hora local", indicou a aeroliña nun comunicado. "Air France comparte a emoción e a inquedanza das familias afectadas", recalcaron. Arestora a aeroliña está a recibir os familiares nun espazo reservado da terminal 2 do aeroporto París-Charles de Gaulle.

A compañía tamén facilitou un número de teléfono para as persoas que se queiran poñer en contacto coa mesma dende Francia (0800 800 812), e dende o estranxeiro (+33157021055).

As autoridades galas póñense no peor, crendo que "non hai esperanzas"
O ministro de Ecoloxía e a cargo de Transporte, Jean Louis Borloo, vaticinou que cabe esperar "a peor das hipóteses" respecto ao avión de Air France, xa que o aparato estaría agora "case ao límite de queroseno".

Polo seu lado, as autoridades aeroportuarias francesas cren que "non hai esperanza". Ao parecer, unha das posíbeis explicacións sería que, ao atravesar unha zona de treboada, se producise un curtocircuíto que tería danado os motores do avión. O último contacto coa tripulación produciuse cando o avión sobrevoaba as costas africanas, unha zona "mal cuberta polo sistema de radares". A alarma dérona as autoridades aeroportuarias de Marrocos, ao non conseguir poñerse en contacto coa tripulación.

O avión está a ser buscado no Océano Atlántico.

Máis información:


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: