Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Marcos Mariño Beiras

"En Galiza non prima a meritocracia"

Catedrático de Física Matemática na Universidade de Xenebra, este galego fala do diferente valor que se lle dá á investigación noutros países.

Modesto del Río - 09:00 06/06/2009
Marcos Mariño

Marcos Mariño

Marcos Mariño Beiras, nado en Compostela en 1970, é doutor en Física Teórica pola USC. Despois do doutorado, pasou seis anos nos Estados Unidos, nas universidades de Yale, Harvard e Rutgers. Alí especializouse en Física Matemática e en Teoría de Cordas.

Despois recalou no CERN como membro do departamento de Física Teórica outros seis anos. Actualmente ocupa unha cátedra de Física Matemática na Universidade de Xenebra.

Vieiros: Cal é o seu labor actual?
Marcos Mariño Beiras: Traballo en aspectos matemáticos da física de altas enerxías. Describe as forzas fundamentais da materia e as forzas que as unen. Son as forzas fundamentais. A partir de aí un pode explicar todo, é a base da Física. Especialiceime nos aspectos máis teóricos e matemáticos desa física e na súa relación coa matemática moderna. Ten moito que ver coa matemática pura.

Cal é o problema polo que tantos científicos galegos teñan que traballar fóra?
O problema non é tanto ter que marchar, que é inevitábel para poder formarse en universidades estranxeiras. O problema é que non puiden volver. E será así mentres en Galiza non prime a meritocracia e non se lles dean os traballos a quen os merece, senón que se teñan en conta outro tipo de cualificacións, como ser amigos dos membros dos tribunais. Houbo casos como unha fraude monumental nas oposicións do Sergas, coa filtración de exames... Son situacións impresionantes. Sei que é un caso extremo, pero creo que en Galiza non funciona a meritocracia, porque se os postos de responsabilidade están nesas mans, tamén na Universidade...

E iso non pasa noutros países?
Nos países que coñezo, como os EUA, o sistema sempre pode ter algunhas distorsións, como á hora de que persoas distintas avalíen un currículo, pero nunca vin as cousas que vin en Galiza. Pode gustar máis como país ou non, pero o sistema educativo a alto nivel funciona ben. En Suíza, da que coñezo o CERN, sempre entrou xente de primeira. O sistema coñézoo menos, pero non se dan esas falcatruadas. Creo que ese é o principal problema. Digamos, pódese entrar en cada caso particular. É un problema xenérico que ocorre en Galiza e todo o mundo o sabe.

Sabe se lle pasou isto mesmo a outras persoas?
Coñezo moitas persoas con este caso. Por exemplo, o de Pablo Beramendi, que estudou Ciencias Políticas na USC, despois na universidade de Duke e que foi para Oxford. Como pode ser que a facultade de Políticas da USC non lle faga unha oferta? Non se pode ter o luxo de producir unha persoa de alto nivel e despois contar con ela? Dáme a impresión de que a universidade non lle fixo unha oferta cando marchou a Oxford. Aínda así, estase mellorando nos últimos 20 anos. Agora non é tan fácil como antes dar prazas a dedo.

E como se podería facer para atraer os científicos que están no exterior?
Hai moitos que están fóra porque queren, queremos. Xa teño a miña vida feita aquí. Pero, moitas veces, as condicións que nos ofrecen á volta son moito peores que aquí. Ofrecen bolsas temporais, estar supeditados aos caprichos do departamento... Non se pode atraer xente, con bos postos no estranxeiro, así. Se queres recuperar xente con postos fantásticos, teslle que ofrecer máis. Un caso como o do programa Imán pareceume bastante alucinante. O programa convocounos a unha reunión en Inglaterra tendo que pagar nós os billetes, cando en Galiza aos conselleiros e demais familia lles pagan todo. Parécenme cousas elementais. Nós non somos precarios nin nada parecido. Hai mentalidades que sorprenden nestes tempos. Non falo con arrogancia, pero non poden tratarnos como bolseiros desempregados.

Como se sumou ao manifesto dos científicos a prol da lingua galega?
A idea xurdiu de Xabier Cid, no CERN, que leu aquelas declaracións do representante da Congapa, e pareceunos excesivo. A xente pode ter outras opinións, pero este darwinismo social lingüístico, de linguas que non merecen sobrevivir nin que as disciplinas científicas se escriban nelas paréceme terríbel, que haxa linguas "nobres" e outras non. Calquera lingua que se fale pode servir de vehículo para calquera cousa e, en segundo lugar, se se adopta esa lóxica, que se pasen ao inglés, e pasen do español, que non é unha lingua de investigación. Eles mesmos autodestrúense. O español é tan marxinal na ciencia como o galego. Pero creo que calquera lingua serve para facer ciencia.


4,48/5 (31 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: