ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Manifesto da Enciga

O galego e o ensino da ciencia

O colectivo que reúne os ensinantes de Ciencias en Galiza achega un documento onde rexeita as argumentacións de quen considera o galego un problema nas aulas.

Redacción - 11:15 11/06/2009
Tags: Enciga lingua



Achegámoslles íntegro o manifesto enviado pola xunta directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía:

O GALEGO E O ENSINO DA CIENCIA

A Xunta Directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía, dende o coñecemento e a experiencia de tan prolongada presenza, pon de manifesto:

  • Que os profesores e profesoras que participan nas actividades de ENCIGA desenvolven as súas actividades docentes en centros escolares situados en cidades, vilas grandes e pequenas e con moi variadas situacións sociolingüísticas.
  • Que, polas súas actividades e antigüidade, é a asociación de profesores de Ciencias máis importante no ámbito da secundaria das que hai no territorio español.
  • Que esta asociación ten publicado ata hoxe 67 números da súa revista –Boletín das Ciencias– en galego, o que supón preto de mil cincocentos artigos dedicados ao ensino das ciencias na secundaria.
  • Que leva celebrados 21 congresos anuais, nos que se teñen presentado máis de 500 comunicacións, cuxa inmensa maioría foron expostas en galego.
  • Que profesores e profesoras que colaboran ou colaboraron nas actividades de ENCIGA se contan entre os mellores profesionais no seu ámbito, como queda demostrado por teren recibido o recoñecemento de institucións e organismos de todo tipo, tanto de Galicia como de fóra dela.
  • Que nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc., se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.

Por todo isto, AFIRMAMOS que:


Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino, en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.


4,97/5 (36 votos)


Comentarios (21)

AGIL #1 11/Xuño/2009 AGIL
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Caríssimos Professores: Se o que dizeis é de todo certo com o instrumento que utilizais, definido pela RAG como NOMIGa 1982, 1983, 1995, 2003, será muito mais certo com o instrumento linguístico, que também usam em Portugal e no Brasil e nos PALOP, Galego aperfeiçoado. Por que não dais o passo e exigis que, com o Português, poderíeis utilizar meios pedagógicos de Portugal e do Brasil, nomeadamente, e presentes na rede?

LOIS_DE_SILAN #2 11/Xuño/2009 LOIS_DE_SILAN
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Hai que agradecer que non sexan cómplices involuntarios, por omisión ou silenzo, do galegoexterminio que se pretende acelerar polo bipartito GB-PP!

LOIS_DE_SILAN #3 11/Xuño/2009 LOIS_DE_SILAN
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

#1 AGIL

Dis: "Se o que dizeis é de todo certo com o instrumento que utilizais, definido pela RAG como NOMIGa 1982, 1983, 1995, 2003, será muito mais certo com o instrumento linguístico, que também usam em Portugal e no Brasil e nos PALOP, Galego aperfeiçoado".

--> Porén iso non che é certo: calquera lingua, calquera fala, calquera forma de representala graficamente é igual de válida para calquera actividade comunicativa: é unha cuestión de compatibilidade/identidade do código lingüístico do emisor e mais o receptor.

Outra cousa é que, certamente, quedar afastados do uso da representación gráfica común ou xeralizada (fóra da Galiza española)do galego foi e segue a ser un erro estratéxico de vulto para o galego na Galiza española e mais para os seus usuarios.

Telleiro #4 11/Xuño/2009 Telleiro
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Agora só falta que publiquen o manifesto na Voz,no Faro,etc.

acarondosil #5 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Paréceme unha boa idea.

Pero tamén sería interesante que o lesen nas clases aos seus alumnos e alumnas.

acarondosil #6 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

O que dicía o tríptico dos Equipos de Normalización era unha cousa bastante inofensiva. Pero, amigos, vaia follón no centro para entregalo. Prohibíusenos.

Indixenanoapartheid #7 11/Xuño/2009 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#6 Esa é a liberdade da que falan estos impresentables.

acarondosil #8 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#6 Indixenanoapartheid:

Pero é que non atenden a razóns. Razoábaslles que o contido do tríptico podía ser tranquilamente o currículo da materia de lingua galega, no apartado de sociolingüística, e non había forma. Ordes son ordes, dicían.

Calquera día van prohibir o temario de sociolingüística que se dá en 2º de bacharelato. Agora está claro que non queren que se explique a realidade da nosa lingua. Eu creo que aquí tiñan que tomar medidas unha serie de xente que está implicada.

Tampouco se poderán facer agora actividades de normalización nos centros. Se non se para esta tolemia, xa poden suprimir os Equipos de Normalización, porque non lles deixarán facer nada. É de tolos.

E a maior parte do profesorado, diante do follón, de brazos cruzados. Lamentable.

acarondosil #9 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

No meu comentario anterior referíame a #7

Indixenanoapartheid #10 11/Xuño/2009 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Seica a Consellería vén de sacar unha nota de prensa mediante a que se indica a prohibición de que os centros de ensino repartan os trípticos da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Sabedes algo máis acerca desto?

Indixenanoapartheid #11 11/Xuño/2009 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

acarondosil: mentres ti escribías #8 e #9 eu redactaba #10.Sabes algo ti desto que pregunto. A min acábanme de informar, mais non atopo nada na rede. Saúdos.

Indixenanoapartheid #12 11/Xuño/2009 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Os profesores interesados terán que os repartir nas portas das escolas. Ou tamén quererán impedir esto?

galilea #13 11/Xuño/2009 galilea
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Para #8 acarondosil

Algunhas cousas hai que facelas sen pedir permiso, porque cando se pide xa se sabe a resposta. Polo que me comentaron esta mañá, as direcions que preguntaron á inspeccion foron as que recibiron esas ordes. No meu centro o equipo de normalizacion tomou a iniciativa de repartir os tripticos entre o alumnado e tamén un escrito asinado pola maioria dos sindicatos e agrupacions defensoras do noso idiomna no que se indica a confusa situacion de que so consultan acerca das materias troncais, e que para opinar que queren a metade en galego e a metade en castelán hai que contestar "todo en galego".

Con respecto ao ensino das materias de ciencias en galego, eu dou fe de que non hai ningun problema de comprension por parte do alumnado, non fai falta explicarlles que aprenden igual de ben, porque xa o saben.

acarondosil #14 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ordes da Consellería de non repartilos si que había, a nós foi o que se nos dixo. Nós pedimos a orde por escrito, pero non a había, por iso agora non me estrañaría que sacasen algo oficial(unha prohibición oficial), manda truco!

acarondosil #15 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#13 galilea:

Tes razón. Pero sabes o que pasa, que dentro dos Equipos de normalización hai, nalgún sitio, xente que presenciou estas discusións pola mañá sen inmutarse, nin sequera sabían nada, iso dicían. Outros si axudaron, pero non todos.

Entregalos fóra? Pois claro.

acarondosil #16 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#13 galilea:

Coñezo un director que, unha vez repartidos, andou sacándollos aos alumnos e alumnas. Mira que ganas había de cumprir as ordes eh! E iso que pasan por non ser conservadores.

galilea #17 11/Xuño/2009 galilea
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Para #16 acarondosil
Pois que forte!! o director sacandolle os trípticos aos rapaces!! E eran so os trípticos, que son bastante inocentes e non avisan sobre a trampa de considerar so as materias troncais na consulta. Moito lingüicida solto hai por aí, ou moito servilismo coa Administración. Claro que os rapaces e os pais non son tontos e decataránse de que algo raro pasa cando lles quitan os trípticos, supoño que os leran con maior interese cando os consigan de novo, o que non é difícil.

Indixenanoapartheid #18 11/Xuño/2009 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

A CIG acaba de enviar un correo informando sobre esa nota de prensa. O fascismo avanza unha barbaridade.

acarondosil #19 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Se hai un anos lle din ao Secretario Xeral, don Anxo Lorenzo, que lle ían prohibir a el un folleto como o dos Equipos, non o crería, nin sequera poñéndose no peor dos casos.

Como poden cambiar as cousas en pouco tempo!

Hai que loitar para que non empeoren.

sursumcorda #20 11/Xuño/2009 sursumcorda
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

A ver que non cunda o pánico. O que di a mensaxe da Consellería e que chegou aos centros ás 13:30 é:
"Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsable do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento á Inspección Educativa."

Ou sexa, fálase de algo que perturbe o proceso de realización da consulta. E entregar o tríptico é INFORMACIÓN. Ou tamén queren censurar isto?
Por certo, características da mensaxe:
a) POr primeira vez na administración en bilingüe
b) Faltas de ortografía no galego. A mesma competencia?
c) En primeira persoa e asinado por unha señora que se chama Consellería de Educación. POr favor, urxe curso de alfabetización para que redacta estas cousas.
d) Os nomes dos adxuntos só están en castelán? Bilingüismo?

acarondosil #21 11/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#20 sursumcorda:

Grazas por tranquilizar á xente. Pero, oíches?, do que nos informas ti non é moi esperanzador, eh!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: