Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A NORMALIZACIÓN NO ENSINO

A comarca do Xallas dálle un si ao galego

O IES de Santa Comba organizou unha enquisa paralela á da consellaría. A maior parte dos pais pide que a lingua do país sexa a máis usada no horario lectivo.

Redacción - 11:38 23/06/2009

Cales son as preferencias lingüísticas dos pais que respostaron á enquisa da Consellaría de Educación? En Santa Comba sábeno. O Equipo de Normalización e a dirección do IES “Terra de Xallas” organizaron un cuestionario paralelo. Os pais de alumnos de cursos comprendidos entre primeiro da ESO e primeiro de Bacharelato tamén contestaron ás preguntas do centro. O resultado foi o seguinte: O 48% dos titores prefire que todas as materias troncais se impartan en galego; o 9% que haxa máis en galego ca en castelán; un 24% que as materias troncais se dividan entre as dúas linguas; un 9% que a maioría se impartan en castelán; e outro 9% que todas as troncais sexan en castelán.

Paulo Rendo, director do IES “Terra de Xallas”, explícalle a Vieiros que levaron adiante a iniciativa porque “xa que pasamos o traballo coas enquisas da consellaría, decidimos aproveitar para actualizar datos sociolingüísticos”. A idea era sinxela: unha votación por duplicado (as preguntas eran exactamente as mesmas cás que facía a consellaría). Na enquisa oficial participaron 240 pais e na do centro só dous menos (238). A cifra pode dar unha boa idea da fiabilidade do resultado.

Pero como é o IES “Terra de Xallas”? Na actualidade conta con 550 alumnos que cursan a ESO, o bacharelato e ciclos formativos. A maior parte deles viven no propio municipio de Santa Comba, aínda que tamén hai estudantes de concellos limítrofes como é o caso d'A Baña ou Mazaricos. O propio Paulo Rendo recoñece que o galego é practicamente a única lingua na que se relacionan os rapaces fóra das aulas. Visto resultado da enquisa, tamén é evidente que unha maioría dos pais aposta por un ensino onde o galego sexa a lingua máis usada no horario lectivo.

Aínda que esta enquisa pode semellar só unha anécdota dentro dun proceso no que participan centos de centros, dende o “Terra de Xallas” deixan no ar unha pregunta: Vaise ter en conta as peculiaridades sociolingüísticas de cada comarca?



4.87/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: