Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
APÓS O GOLPE DE ESTADO EN HONDURAS

Comeza Cume extraordinario da ALBA en Nicaragua

O presidente anfitrión, Daniel Ortega,  salientou a presenza do presidente constitucional da República de Honduras, Manuel Zelaya, así como os gobernantes de Ecuador, Rafael Correa; o ministro de Exteriores cubano, Bruno Rodríguez e o presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez. "Mañá chegará o presidente de Bolivia, Evo Morales", agregou o presidente nicaragüano.

Xurxo Martínez Crespo - 12:15 29/06/2009
O presidente Zelaya na inauguración da xuntanza da ALBA en Managua.

O presidente Zelaya na inauguración da xuntanza da ALBA en Managua.

Ortega sinalou que "en América Latina e o Caribe estamos feridos e non podemos estar satisfeitos até ver máis cedo que tarde, novamente na súa patria, Honduras, ao presidente Manuel Zelaya exercendo o que o pobo lle encomendou através do voto".

Pola súa banda o presidente Manuel Zelaya resaltou o pronunciamento feito polos órganos internacionais como a Organización de Estados Americanos (OEA) e confirmou que esta Segunda Feira asistirá tamén á xuntanza o presidente mexicano, Felipe Calderón, quen actualmente exerce a secretaria pro témpore do Grupo de Rio.

"Condenamos con todas as nosas forzas ese golpe aos pobos de América, aos pobos do mundo", dixo Zelaya durante o seu discurso.

Agradeceu a todos os gobernos que se manifestaron este día a prol da institucionalidade democrática en Honduras.

"Fixérono con moita integridade: o Mercosul, o Grupo de Rio, o Sica (Sistema da Integración Centroamericana), a Organización de Estados Americanos (OEA) e desde logo os presidentes amigos, os presidentes da ALBA", comentou.

Dixo que "desde Canadá e Estados Unidos até o Cabo do Hornos en Chile recibimos senllas manifestacións de condena e de rexeitamento (ao golpe de Estado)".


4.2/5 (5 votos)