Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
CARLOS FERNÁNDEZ, CONTINENTAL GAMES

"Podemos ser un referente e atraer diñeiro"

O sector galego dos videoxogos aínda está a arrancar, pero o potencial que existe no país pode converter Galiza nun importante axente internacional, segundo o responsábel da única empresa exportadora de videoxogos.

M. del Río - 09:45 19/07/2009

Falamos con Carlos Fernández, que dende Continental Games aposta por desenvolver videoxogos dende Galiza para a súa difusión internacional. Isto pódeo levar a cabo dende a posición de vantaxe que lle permite un recoñecemento outorgado por Nintendo para distribuír as súas creacións na popular consola Wii. Pero o sector dos videoxogos, que venden no país máis ca o resto de industrias culturais xuntas, pode ser unha importante aposta para o futuro da nosa economía. E temos calidade técnica e, sobre todo, humana.

Continental conseguiu unha certificación de Nintendo para desenvolver videoxogos para a súa consola. Que importancia ten este recoñecemento?

Desde Continental Games, o departamento de videoxogos de Continental, conseguimos a cualificación como empresa desenvolvedora para a Wii. Podemos desenvolver videoxogos para a Wii e acceder á súa canle de distribución internacional inmediata. É moi complicado conseguilo. Hai poucas empresas que obtivesen esta distinción no Estado Español, a maioría son dos EUA e do Xapón. É unha oportunidade incríbel, pensado dende Galiza, e que se poida distribuír o noso traballo internacionalmente. Son 50 millóns de consolas con acceso a ese mercado.

Canta xente se dedica ao sector dos videoxogos no país?

Pois no momento máis inmediato, teño amigos intentando facer videoxogos, pero para distribución internacional non o está a facer ninguén máis ca Continental, a non ser que se faga en segredo. Nós neste momento temos un equipo reducido. Un proxecto multiplataforma de alta calidade, a nivel internacional, pode supoñer un investimento mínimo de cinco millóns de euros. Pero en Galiza non hai industria do videoxogo aínda. Está nacendo e non se pode investir tanto. Para facer un videoxogo de repercusión hai que contar cun mínimo de cinco a 10 persoas traballando, a non ser que sexa un bombazo tipo Tetris, e un traballo de oito a 10 meses, iso como mínimo e contando con mínimos "á galega".

Por que non hai un equilibrio entre a produción e o importantísimo consumo de videoxogos en Galiza?

Son cifras moi curiosas. En Galiza, xa hai un ano que se publicou que os videoxogos venden máis que o audiovisual e a música xuntos, pero a nivel de produción non se está facendo o mesmo. O noso ELE (Evento Ligado á Extinción) para PC custou sangue, suor e bágoas distribuílo, a pesar do diñeiro que se move neste sector. Tamén a nivel estatal, o Estado Español é o cuarto da UE en consumo de videoxogos (e xa foi o terceiro), e non está ao nivel na produción en relación co consumo. É un equilibrio que se vai axustar nos próximos dous a cinco anos. Algo estase movendo no mundo do videoxogo. Hai empresas que están a apostar, e xorden iniciativas que aínda non teñen aínda repercusión.

Entón, o sector está dominado por multinacionais? Como se poden abrir un oco no mercado as empresas galegas?

Os EUA e Xapón arrasan en produción. En Europa, o Reino Unido, Alemaña e Francia son os principais produtores de videoxogos. En España algúns estudios están a ser contratados por multinacionais estranxeiras porque os custos de produción son inferiores. Cando Galiza arranque, os nosos custos serán aínda inferiores. Podemos ser un referente e atraer diñeiro. É algo comparábel coa época do nacemento da animación 3D. Cos videoxogos podería ser así, tendo en conta que é un sector que factura moito máis. Temos boas universidades, capacidade e potencial de programadores, empresas de animación, produtoras audiovisuais... Falta querer e arrancar.

E hai espazo para o galego neste sector?

Nós os videoxogos que facemos traducímolos ao galego. De feito, publícanse en inglés, castelán e galego. Aínda así, a versión en galego non tivo unha gran repercusión, pois a meirande parte véndense en inglés, pero temos interiorizado o querer facelo dende aquí. É cuestión do equipo, que hai cinco anos traballa en Galiza. Queremos facelo por exportar a nosa cultura e apostar polos nosos factores diferenciadores. Se no Xapón funciona, por que non vai haber unha liña galega? Apostamos por un estilo diferenciado e chamativo. E seguiremos apostando na medida das posibilidades. Os custos de localización ás veces son moi grandes, como nos videoxogos para consolas.

Cales son os seus próximos proxectos?

Estamos a traballar en dous proxectos para a Wii e outro para iPhone, un motor de montaxe de contidos audiovisuais, unha tecnoloxía que estamos a desenvolver en colaboración con equipos tecnolóxicos da USC. Para a Wii son dous videoxogos que non podo concretar, por acordos comerciais. En Galiza estamos a desenvolver dous videoxogos para a Wii e tecnoloxía moi importante para o iPhone.

É a plataforma móbil un sector de futuro para os videoxogos?

Producir para o sector de móbiles é moi caro, porque hai moitas plataformas diferentes. O iPhone vendeuse moito e distribúese de xeito transparente a través do seu mercado de aplicacións global. Ademais, o perfil de usuario de iPhone encaixa moito co dos videoxogos. Sería fantástico poder entrar no sector dos móbiles, pero é mellor entrar nun nicho do iPhone que na telefonía en xeral, que non está tan identificado con este público.

Como ve o mundo do videoxogo en Galiza dentro duns anos?

En Galiza varias empresas, laboratorios das universidades, plataformas tecnolóxicas, estamos a traballar xuntos para que arranque con forza a industria galega do videoxogo con moito afán. Está indo moi ben. Pero aínda non se percibe a nivel de rúa. Estamos na fase de xuntanzas, reunións, corredores, para que dentro de cinco anos haxa máis estudios e produtoras traballando en videoxogos e poder unirse para proxectos máis ambiciosos.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: