Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Debate no Parlamento de Madeira, esta cuarta

A proposta de Jardim de prohibir o comunismo segue a crear polémica

O proxecto de reforma constitucional que procura o partido de Goberno da illa alenta que algunhas voces pidan a anulación do veto ao fascismo.

Redacción - 13:30 21/07/2009
Alberto João Jardim

Alberto João Jardim

O PPD/PSD, o partido que goberna Madeira co popular e polémico Alberto João Jardim á fronte, presentou a finais de xuño unha proposta de reforma constitucional que ha ser debatida esta cuarta feira no Parlamento da illa. O obxectivo principal é conseguir máis competencias lexislativas para o Executivo rexional, mais é un punto en concreto o que está desencadear unha polémica de considerábel calado tanto en Funchal como en Lisboa.

Jardim, que este luns na inauguración dun parque eólico no concello da Calheta aseguraba que se fixeran modificacións no proxecto para o facer máis "mais obxectivo e xusto", pretende que a Constitución da República Portuguesa clarifique a referencia ás "ideoloxías totalitarias". Considerou que estas non deben facer referencia só ás de dereita, senón tamén ás de esquerda, e aquí encadrou o comunismo.

Porén, Jardim matizou pouco despois que as súas declaracións foran malinterpretadas polos xornalistas, e que el considera que a Constitución non debería prohibir ideoloxías, mais que como isto acontece -co fascismo-, defendeu que a lexislación debe ser máis explícita, prohibindo antes "calquera ideoloxía totalitaria".

Neste senso, son algunhas as voces que a raíz da polémica piden que se lles levante a prohibición aos partidos de ideoloxía fascista. José Miguel Júdice, ex decano do Colexio de Avogados portugués, dixo: "Este episodio debe servir para que na próxima revisión constitucional haxa a coraxe de acabar con máis unha estupidez que resulta aínda dos anos 70 (...) Isto non significa que os constituíntes defendan o fascismo, mais que acabaron por entrar na idade adulta".

PCP: "Insultante, antidemocrática e fascista"

Ao respecto, o Partido Comunista Português (PCP) xa se pronunciou a semana pasada. Cualificou a proposta de "insultante, antidemocrática e fascista", e un desprezo aos comunistas que "ao longo de décadas loitaron pola liberdade, pola democracia, algúns pagando coa propia vida". Ademais, manifestaron que agardan que non haxa "espazo para calquera tipo de ambigüidade" sobre a materia.

PS: "Inaceptábel" o silencio do PSD

Pola súa banda, o portavoz do Partido Socialista (PS, socialdemócratas), João Tiago Silveira, considerou "inaceptábel" o silencio da dirección do Partido Social Demócrata (PSD, dereita) en Lisboa. "Non din se concordan ou non coas declaracións de Alberto João Jardim e tampouco din se concordan ou non coa ilegalización do Partido Comunista", afirmou.


4.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: