Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
25 de xullo: Actos políticos

O triplo 'a' do galeguismo do PP: "aberto", "acolledor" e "amábel"

Os 'populares', con Feijoo á fronte, adiantaron a este venres a tradicional ofrenda floral a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres, onde leron un manifesto.

Redacción - 12:30 24/07/2009

O PPdeG realizou a súa tradicional homenaxe anual con motivo do Día de Galiza este venres, véspera do 25 de xullo. O presidente do partido, Alberto Núñez Feijoo, depositou un ramo de flores de cor branca e malva. Posteriormente, deu lectura a un manifesto que, polo seu interese informativo, reproducimos de xeito íntegro e orixinal:

Hoxe, neste Panteón de Galegos Ilustres, rendemos homenaxe á verdadeira razón de ser deste partido: hoxe, na véspera do seu gran día, rendemos homenaxe a Galicia e ós galegos.

Sen embargo, e obviando por un momento o simbolismo desta data, creo profundamente que limitar o noso compromiso con esta terra a un día como o de mañá é desperdiciar 364 días de devoción a unha Galicia que nolo deu todo.

Somos firmes defensores dos nosos símbolos identitarios, e desde logo o 25 de xullo é un deles, pero cremos que non hai maior símbolo de Galicia que os propios galegos. Para dignificar esta terra, é neles nos que debemos centrar os nosos esforzos: porque hai tantas formas de entender Galicia como galegos hai.


O galeguismo non é unha doutrina, é un xeito de vida a escoller por cada quen de forma individual
.
Esa é filosofía que ha de marcar o noso compromiso con Galicia: a do respecto das liberdades.
 
O PPdeG entende o galeguismo dun xeito aberto, como un manto capaz de arroupar a todos e cada un dos galegos, e non como un paraugas pensado para elites e que deixa á intemperie á verdadeira masa social de Galicia.

Apostamos por un galeguismo acolledor, do que toda Galicia poida sentirse orgullosa.


Por un galeguismo amable, que fuxa de batallas interesadas sobre os símbolos de Galicia, un galeguismo que non se use para dividir o que foi concebido para unir.


Hoxe máis que nunca repetimos isto alto e claro: son os galegos os que deben decidir en que idioma queren expresarse, non os políticos. Son eles os que deben decidilo. En liberdade, sen presións. Temos unha lingua propia que usamos, amamos e respectamos.


Apostamos tamén por un galeguismo aperturista, que obvie as estreitas barreiras territoriais e aspire a inundar o mundo enteiro. ¿Ou acaso hai que ser galego para amar a Galicia?


Galicia está alá onde hai un galego
, e por iso apostamos por estender esta filosofía. E máis aínda, en vésperas dun Ano Santo, no que Galicia en xeral e esta cidade de Santiago en particular serán de novo un crisol de culturas que camiñarán xuntas sobre a pedra galega.


Sendo así, non podemos pecharnos no galeguismo esquivo que algúns se afanan en estender, senón en amosar ao mundo un sentimento só descritible cunha palabra: orgullo. Orgullo de ser galegos.


Ese orgullo é o que fai medrar o galeguismo nesta terra. É ese orgullo o que fai que a testemuña de Castelao, Rosalía ou Ramón Piñeiro recaia nas mellores mans: nas dun batallón de galeguistas anónimos aos que hoxe tamén queremos render homenaxe.


Aqueles que tamén lembrou o propio Castelao, precisamente un Día de Galicia pero de 1948 e no seu exilio de Buenos Aires.

Castelao falou dunha “infinita multitude de luciñas e vagalumes, que son os seres innombrados que ninguén lembra xa, e que todos xuntos forman o substrato insubornable da patria galega. Esas almas sen nome que crearon o idioma en que eu lles estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, e en fin, o feito diferencial de Galicia.”


Estas almas sen nome seguen alimentando hoxe o seu compromiso con Galicia no seu quefacer diario, nos seus traballos, na súa vida persoal… eles, lonxe dos grandes titulares, pode que nunca reflictan nun libro o seu compromiso con esta terra ou as súas reflexións sobre Galicia, pero son desde logo os verdadeiros protagonistas da Galicia na que cre o PPdeG.


Ese galeguismo anónimo, valente, continuo, que vive cómodo no bilingüismo cordial que sempre estivo instalado en Galicia, e que sobrevoa por riba das siglas políticas e os debates partidarios ...

Eses que homenaxean cada día a esta terra cun orgullo de pertenza a proba de debates e que non permiten que ninguén lles marque o camiño que ha de seguir o seu amor a Galicia...


Eses h
omes e mulleres que conforman a maioría silenciosa que, de forma tranquila e sen estridencias, son os verdadeiros actores do galeguismo son os que merecen a homenaxe que hoxe, na véspera do noso Día Grande, lle rendemos orgullosos e satisfeitos.


1.36/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: