Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas á falta de liderado de Feijoo

A oposición avoga pola fusión das caixas galegas

Redacción - 14:35 04/08/2009

Coa volta da actividade parlamentaria, o PSdeG achegará o debate sobre as caixas de aforro ao Parlamento e desafiará de xeito concreto os grupos parlamentarios a asinaren unha proposta de blindaxe para Caixa Galicia e Caixanova, xa que logo, en contra das posíbeis fusións das caixas do país con entidades foráneas. Unha decisión que anunciou este martes o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, ao tempo que criticaba o silencio do presidente da Xunta sobre a posibilidade da absorción que Caja Madrid estaría disposta a facer sobre Caixa Galicia. Feijoo recordou este luns a capacidade de veto que o actual marco legal lle outorga á Xunta sobre este paso, pero non aclarou se estaría ou non disposto a exercelo para frear ese movemento.

Por este motivo, o líder dos socialistas insistiu en denunciar o sometemento de Núñez Feijoo aos "intereses do Partido Popular en Madrid" e acusouno de ser "cómplice" dunha estratexia de Caja Madrid, impulsada polo PP, para controlar unha gran caixa estatal. Por outro lado, Vázquez tamén desafiou os presidentes das caixas galegas a pronunciárense con claridade ao respecto do actual escenario, aclarando cales son as súas prioridades e estratexias e dicindo "con rotundidade" se impedirían ou non unha fusión "interrexional".

O PP admite o perigo de "perda de galeguidade" das caixas
O voceiro parlamentario do PPdeG na área económica, Pedro Puy, asegurou que a prioridade da súa formación será "defender os intereses de Galiza". Nese sentido, admitiu o perigo da "perda de galeguidade" que implicaría unha absorción de Caixa Galicia por parte de Caja Madrid. Así e todo, non aclarou se os populares están ou non a prol do veto da Xunta no caso de que a fusión se tente levar a cabo.

Doutra banda, falou a favor da "prudencia" e "rigor" coa que na súa opinión está atendendo a este asunto a Xunta e acusou de paso o bipartito de non proporcionarlle información ao novo Goberno sobre o estado das caixas. Este mesmo motivo argumentouno para rexeitar pronunciarse sobre unha eventual fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. De paso, Puy defendeu o recurso de inconstitucionalidade que a Xunta estuda presentar contra o fondo de reestruturación do sector bancario, debido á invasión competencial.

O BNG aposta por "unha gran caixa galega"
"Feijoo calou e agora pide calma, chegando, coma sempre, tarde, mal e arrastro", reprochou este martes o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, "cando todos os presidentes autónomos se manifestaron xa a favor da integración de caixas do mesmo territorio, o presidente galego pide tempo para non obstaculizar a estratexia do seu partido a nivel estatal, claramente atentativa contra os intereses do país".

Francisco Jorquera recordou as declaracións do presidente do PP, Mariano Rajoy, nas que este "defendía a fusión das caixas galegas con caixas doutros territorios afirmando que é mellor para favorecer a competencia". Unha argumentación "estúpida" en palabras de Jorquera, quen se remite ás análises dos sindicatos para advertir de que os efectos no emprego nas entidades "serían máis graves se as caixas son absorbidas por centros de fóra de Galiza".

"É o momento de definirse, de mollarse", expuxo Jorquera, afirmando que o BNG, no actual "contexto de concentración" no sector avogará por "unha grande caixa galega". Un proxecto de fusión entre Caixa Galicia e Caixanova ao que, propón o Bloque, debería chegarse a través dun "proceso ordenado e dialogado cos axentes sociais". Ademais, os nacionalistas pularán no Parlamento á volta do verán polo deseño dunha lei de caixa que "blinde as competencias autonómicas e reforce os mecanismos de tutela dos poderes públicos galegos para que as caixas cumpran o seu fin social e os seus directivos rindas contas da súa xestión".

Unha absorción foránea causaría grave impacto
Na súa intervención diante dos medios, o deputado do BNG no Congreso advertiu, ao respecto da posíbel aborción de Caixa Galicia por parte de Caja Madrid de que existe risco de "desparición do sistema financeiro propio", o que, subliñou, implica unha "ausencia de financiamento autóctono, a expatriación dos aforros dos galegos, que en máis dun 50% residen nas caixas, a externalización da sede social e o cadro directivo e a perda de capacidade de xestión en Galiza da Obra Social das caixas que nos últimos cinco anos foi de 700 millóns de euros, 168 millóns no último ano".


4.13/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: