Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EVANGELINA MARTÍNEZ, REDEIRAS GALEGAS

"Pasan os anos e non se pon freo ao intrusismo na nosa profesión"

Na súa asemblea anual, a Federación de Redeiras lembra os principais problemas que afogan ao sector: a competencia desleal e a falta de relevo xeracional. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso - 14:00 08/08/2009
En Galiza hai unhas 1.200 redeiras, das que só 700 cotizan á Seguridade Social

En Galiza hai unhas 1.200 redeiras, das que só 700 cotizan á Seguridade Social

"Que se poña orde no sector pesqueiro e na profesión das redeiras". Este é o chamado que fai a Federación Galega de Redeiras Artesáns ás administracións, mais é unha demanda que veñen formulando dende hai xa moitos anos. Das 1.200 redeiras que se estima que traballan en Galiza, só 700 o fan de xeito legal, unha proporción que fai que as verdadeiras profesionais teñan que facer fronte á competencia ilegal daquelas que non pagan impostos e, polo tanto, se poden permitir cobrar o seu traballo a un prezo máis económico.

Este sábado, celebran en Compostela a súa asemblea anual, unha cita na que poñen en común os problemas do día a día de cada unha das asociacións que se reparten polo país. A presidenta da Federación, Evangelina Martínez, considera moi importantes estas xuntanzas, xa que lles permite "analizar cales son os problemas de cada porto e poñer sobre a mesa as nosas reivindicacións". Con todo, estas demandas non defiren moito das que xa lle teñen presentado ás diferentes administracións: o devandito intrusismo, a falta de relevo xeracional, o recoñecemento das enfermidades profesionais ou a mellora das infraestruturas e da formación.

Compromisos dos gobernos
Nesta ocasión, á xuntanza acudiu a conselleira de Mar, Rosa Quintana, quen se comprometeu coas redeiras a "loitar contra a lacra do intrusismo" e traballar na formación de novas xeracións, nunha actividade con considerou "un elo máis cunha significación moi especial no mundo da pesca". Pola súa parte, a presidenta do colectivo agradeceu o apoio e o compromiso. "Temos que recoñecer que esta nova conselleira está demostrando moito interese pola federación e polo noso traballo", asegura Martínez a Vieiros.

Agora, será en setembro cando Consellaría do Mar e redeiras se senten nunha mesma mesa a buscar solucións. Con todo, a presidenta das profesionais do enmalle adianta que é a administración a que ten que poñer remedio aos grandes males do sector: "a solución non a temos que dicir nós", explica, "está claro que falta orde no sector, que non pode valer todo; ilegais traballando nas súas casas competindo deslealmente con nós, portos nos que non hai redeiras para determinadas artes coma o cerco...; nós estamos explicando os nosos problemas e cremos que xa é hora de que teñamos unha resposta".

Con respecto ás medidas tomadas polo anterior goberno bipartito, Martínez asegura que houbo adiantos. "Temos que recoñecer que dende certos departamentos como a Secretaría Xeral de Igualdade nos axudaron bastante", explica. "Impulsouse o asociacionismo, de xeito que hoxe a Federación integra xa a tres novos colectivos de redeiras que antes non estaban nin organizadas; fomentouse o cooperativismo e a formación, para que puideramos saír adiante de xeito máis independente; e en suma, traballouse na visibilización do noso traballo".

Con todo, e malia os pasiños que pouco a pouco se van dando, as redeiras coinciden en subliñar que queda aínda moito por facer para dignificar esta profesión, arraigada na nosa cultura mariñeira e exemplo de teimuda supervivencia ao carón do mar.


Ligazóns

4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: recuperamos unha xornada compartida coas redeiras de Cangas

As redeiras entenden que a nova conselleira de Mar é receptiva ás súas demandas
As redeiras entenden que a nova conselleira de Mar é receptiva ás súas demandas
Tamén agradecen os pasos dados polo anterior goberno bipartito, fundamentalmente en formación e asociacionismo
Tamén agradecen os pasos dados polo anterior goberno bipartito, fundamentalmente en formación e asociacionismo