Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Mobilizacións pola planta de gas

Medio cento de gaseiros, e a voz dos veciños non desfalece na ría ferrolá

O Comité Cidadán de Emerxencia mantén viva a protesta coincidindo coa chegada á ría do gaseiro número 50 con destino a Reganosa.

Redacción - 10:00 16/08/2009

Hai máis de dous anos botámonos á ría en compañía dos mariñeiros ferroláns nunha convocatoria promovida polo Comité Cidadán de Emerxencia. Unha acción cidadá que respondía ao intento de entrada na ría do gaseiro Galicia Spirit, con capacidade para 140.500 metros cúbicos de gas natural licuado. Unha entrada "ilegal", segundo denunciaba o Comité e cuxos problemas poñían ademais de manifesto as propias advertencias realizadas sobre a inaxeitada localización da planta de Reganosa no interior da ría no canto de no porto exterior tal e como esixe a plataforma cidadá.

Mariñeiros e mariscadores despregaban daquela durante varios días arriscadas accións coas súas pequenas embarcacións, bloqueando o acceso do xigante gaseiro. "En defensa das nosas vidas e a nosa ría", podía lerse en cartaces despregados a pé de peirao pola veciñanza mobilizada en protesta pola agresión. Desde aquela, non desfaleceron mariñeiros e veciños en continuar coas accións pacíficas en contra da planta de gas, incluído un longo peche veciñal na Casa do Concello en Mugardos. A concentración deste domingo 16 de agosto responde á protesta concreta pola entrada do gaseiro número 50 na ría ferrolá.

Na altura de 2007, e cando os mariñeiros se mobilizaban fronte ao Galicia Spirit, o agora presidente da Xunta, daquela líder da oposición, insistíalle á Xunta na necesidade de garantir "de forma inmediata" o acceso do buque. Feijoo cualificara de "conflito gravísimo e sen precedentes" a acción dos mariscadores da ría en bloqueo do barco gaseiro. En resposta, desde o Comité acusaban a Feijoo de "pertinaz defensor da trama de intereses e irregularidades" creada durante o goberno de Manuel Fraga. "Núñez Feijoo é un voceiro desta trama", subliñaba o finado Carmelo Teixeiro, naquel momento voceiro do colectivo veciñal.

Agora, coma hai dous anos, os berros e a reclamación da cidadanía seguen coincidindo nun desexo de futuro: Por un mar limpo, por unha ría con futuro!


4.42/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: