Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
No Palacio de La Moncloa

Zapatero recibe esta sexta feira a Hugo Chávez

A xuntanza, solicitada polo presidente venezuelano, prodúcese ao final da xira que este levou a cabo por varios países do Magreb, Oriente Próximo e Europa do Leste.

Xurxo Martínez Crespo - 10:32 10/09/2009

O presidente español, Rodríguez Zapatero recibirá a Chávez Frías despois da xuntanza do Consello de Ministros que se celebrará ese día e posteriormente viaxará a París para un encontro co presidente francés, Nicolás Sarkozy, agregaron as fontes.

A futura presidencia da Unión Europea (UE) que o Estado español exercerá durante seis meses a partires do 1 de xaneiro, na que unha das prioridades é consolidar as relacións da UE con América Latina, será un dos asuntos que previsibelmente se tratarán na reunión, ademais da actualidade da rexión latinoamericana e os lazos bilaterais.

As fontes recordaron a visita de traballo que realizou ao Estado  español o presidente de Colombia, Álvaro Uribe Vélez, a finais do pasado mes de abril na que se reuniu con Rodríguez Zapatero e foi recibido polo rei dos españois Juan Carlos I.

Colombia mantén un enfrontamento político coa meirande parte dos países latinoamericanos, especialmente co estremeiro Venezuela, polo acordo alcanzado por Bogotá con Estados Unidos para o uso de bases militares en territorio colombiano por tropas estadounidenses.

Hugo Chávez rexeita frontalmente ese convenio militar, que cualificou de "declaración de guerra", e mantén as relacións con Colombia "en fase de conxelación progresiva".

A visita de Chávez a Madrid  será o derradeiro chanzo da xira por varios países do Magreb, Oriente Medio e Europa oriental, entre estes Bielorrusia, ademais de se achegar ao Festival de Cine de Venecia onde Oliver Stone presentou o documental South of the border no que participa o presidente venezuelano.

Tamén, o domingo chegará á capital española o presidente de Bolivia, Evo Morales, que será recibido o luns polo rei dos españois, Juan Carlos e un día despois por Rodríguez Zapatero.

Chávez visitou por última vez o Estado español en xullo de 2008 cando foi recibido en Palma de Mallorca por Juan Carlos tras a agresión verbal que do rei ao presidente venezuelano no Cumio Iberoamericano de Santiago de Chile. O presidente venezuelano tamén visitou daquela o Palacio de la Moncloa para entrevistarse con Zapatero. Esa visita ao Estado español representou a fin da crise diplomática bilateral xurdida a raíz do citado incidente da Xuntanza de Chile.

Nesta visita á República Bolivariana de Venezuela asinou un acordo co Estado español para a venda de petróleo a prezos prederentes, máis baixos que os do mercado internacional. O ministro español de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, visitou a finais do pasado mes de xullo Venezuela.

Excelentes relacións
O embaixador de Venezuela no Estado español, Julián Isaías Rodríguez, asegurou a pasada semana que ao presidente Hugo Chávez "encantaríalle" vir a España de visita oficial "non unha vez, senón varias veces", tras cualificar de "excelentes" as relacións diplomáticas que actualmente manteñen Caracas e Madrid.

"Nunca o arredou e se nalgún intre recibimos algún convite ou concertamos algunha posibilidade (...) de que poida estar de visita oficial, con absoluta certeza a el encantaríalle vir a España, non unha vez senón varias veces", afirmou o embaixador.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: