Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este xoves no Consello da Xunta

O Goberno oficializa a renuncia á participación pública no sector eólico

O executivo aproba o anteproxecto de lei eólica, coas beizóns da patronal por renunciar a cota pública e reproches por introducir un "canon ambiental".

Redacción - 11:30 29/10/2009

Este xoves sae do Consello da Xunta a aprobación do anteproxecto de lei para o aproveitamento eólico onde, tal e como anunciou o pasado mes de agosto, o Goberno renuncia a estudar calquera fórmula adicional de participación pública. Daquela, o conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, e o director xeral de Industria, Anxo Bernardo Tahoces, insistiron na existencia de presuntas eivas "legais e funcionais" para xustificar a derrogación do modelo deseñado polo bipartito. Guerra e Tahoces mesmo apelaron á Constitución, citando a suposta vulneración do artigo 38, onde se garante "o principio de liberdade de empresa", así como o artigo 9.3 no que respecta ao principio de seguridade xurídica, para defender a renuncia da Xunta á participación pública.

Deste xeito, a caixa pública recibirá ingresos unicamente a través dun imposto de nova creación, o chamado "canon ambiental" para o sector eólico, que alimentará un Fondo de Compensación Ambiental do que, en porcentaxes aínda non aclaradas, se beneficiarían os concellos afectados polos parques eólicos. Segundo o primeiro esquema avanzado polo executivo, esta taxa eximirá de tributación a aqueles parques con menos de 3 muíños. Os parques de até 7 muíños pagarán até 2.300 euros por máquina, e entre 8 e 15 aeroxeneradores a cantidade sobe a 4.100 euros. Todos os que superen as 15 instalacións pagaran un máximo de 5.900 euros. Asegura a Xunta que isto implica o ingreso acumulado de 600 millóns de euros nos próximos 20 anos. "Algo máis do dobre do que se ingresaría co modelo de participación pública" do bipartito, argumentan desde o PP.

Desde a patronal, á vez beizóns e reproches
A Asociación Eólica de Galicia (EGA) achegou alegacións contra este proxecto, denunciando de feito a propia derrogación do proceso xa iniciado durante a anterior lexislatura. De forma paralela, a EGA critica o deseño da nova normativa con rango de lei e rexeita a introdución do canon ambiental.

Do mesmo xeito, desde a Confederación Empresarial de Galicia (CEG) teñen expresado a súa felicitación pola supresión da participación pública, mais tamén o rexeitamento do novo canon. A CEG así o fixo constar no seu voto particular no Consello Económico e Social (CES), que a semana pasada deulle beizón ao texto. "Non se pode facer unha valoración positiva con respecto á creación de canon eólico e o fondo de compensación", afirma a CEG na súa análise, opinando que o canon ten un "efecto disuasorio", e que "é claramente contraditorio co estímulo das enerxías renovábeis". Consideran tamén desde a patronal que isto "pode provocar o peche" dalgunhas das empresas xa introducidas no sector "por ruptura do equilibrio financeiro dos proxectos". Como argumento engadido a prol da supresión do canon, insisten en que a declaración de efectos ambientais xa avalía o impacto paisaxístico, que é o que grava o canon.


3/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: