Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
MANIFESTACIÓN

Financiamento privado do hospital de Vigo: menos prestacións e máis caro

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública subliña que, ademais de multiplicar o orzamento necesario, a Xunta prevé 375 camas menos.

Isabel G. Couso - 13:45 29/10/2009
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, anunciou a entrada de financiamento privado no futuro hospital

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, anunciou a entrada de financiamento privado no futuro hospital

"A fórmula que nos propoñen como máis barata acabará saíndo máis cara". O que fala é Manuel Martín, un dos portavoces da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, un colectivo que incorpora a colectivos veciñais, sociais, profesionais e políticos e que convoca unha manifestación este xoves baixo o lema: "Hospital público, xa!". Deste xeito, denuncian a reformulación do proxecto do novo hospital de Vigo, un centro que prestará atención sanitaria a máis de 500 mil persoas da área de Pontevedra.

Financiamento privado
A proposta do actual Goberno é que a construción do hospital se leve a cabo coa fórmula de pagamento aprazado e, en concreto, co modelo de concesión a empresas privadas. É dicir, unha unión temporal de empresas, entre as que se atoparían moitas construtoras, adiantarán a inversión e encargaranse propiamente da súa construción a cambio dun canon anual (durante 30 ou 40 anos, un período aínda por definir). Tamén se encargaría da xestión dos servizos sanitarios, como a seguridade, o aparcadoiro, a lavandería, a limpeza ou a xestión dos locais comerciais.

O orzamento que o anterior Goberno bipartito destinaba a este hospital, que pretendía ser un centro de referencia, ascendía a 370 millóns de euros (financiados a través da Sociedade Pública de Inversións). Agora, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, cifra esta inversión en 2.500 millóns de euros (sete veces máis).

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública critica este aumento de presuposto. "Esta fórmula vai hipotecarnos durante anos", di Dolores Casariego Lois, portavoz da Federación Veciñal Eduardo Chao (Favec). Na mesma liña se pronuncia Manuel Martín: "hai que subliñar que onde hai lucro, por lóxica, a calidade da atención descende; os contribuíntes acabarán de pagar este sobre-endebedamento dentro de 30 a través deste canon que sairá do gasto corrente do hospital a costa de mermar o seu persoal de servizos".

Menos prestacións
Ademais de multiplicar a inversión necesaria, o que preocupa a estes colectivos é a redución de prestacións que terá o hospital con respecto ao proxecto inicial. "Consensuáramos un hospital de referencia para toda a área sur de Galiza", di Dolores Casariego, "e agora ofrécennos un centro moito máis reducido en prestacións e servizos".

A conselleira informou que este hospital contará con 1.465 camas, das que 1,079 estarán dispoñíbeis para hospitalización convencional e 386 en outras unidades. O anterior proxecto contemplaba un total de 1.729 camas, polo que a redución é de 264. Farjas xustificou este descenso asegurando que hai outros servizos en hospitais da mesma área, como O Meixoeiro ou o Nicolás Peña.

Doutra banda, a Plataforma denuncian a eliminación doutras prestacións que se contemplaban no proxecto do bipartito, como "a desaparición da unidade de investigación prevista anteriormente, así como a especialización oncolóxica, ou a unidade de queimados", di Manuel Martín, "a cuestión é que xa non vai ser un gran centro de referencia como se prevía".

Nota: A manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública sae este xoves 29 de outubro do cruce de Urzaiz e Gran Vía (Vigo) ás 20:00 h.


Ligazóns

4.89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Proxecto do novo hospital de Vigo, segundo o deseño do Goberno bipartito
Proxecto do novo hospital de Vigo, segundo o deseño do Goberno bipartito
O Hospital Xeral de Vigo, situado no centro da cidade, foi construído en 1955
O Hospital Xeral de Vigo, situado no centro da cidade, foi construído en 1955
Povisa é outro dos hospitais de referencia na área sur de Galiza
Povisa é outro dos hospitais de referencia na área sur de Galiza