Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IGUALDADE E BENESTAR NO CENTRO DA POLÉMICA

López Abella terá que ir ao xulgado por falar de "enchufismo" nas oficinas de I+B

A CIG anuncia accións contra a secretaria xeral de Familia e Benestar por difamación. A Xunta non aclara se vai prescindir dos equipos de Igualdade, Familia e Infancia.

Redacción - 17:26 30/10/2009

Unha semana despois de que a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, afirmase que os 104 traballadores das oficinas de Igualdade e Benestar (I+B) entraran “a dedo” nos seus postos de traballo, a CIG anuncia que vai iniciar accións legais. Nun comunicado de prensa, a central sindical afirma que o primeiro paso vai ser presentar unha reclamación de conciliación xudicial para que a alto cargo da Xunta se desdiga publicamente. Caso de non suceder, o sindicato presentará unha demanda xudicial completa por difamación.

O anuncio responde ao profundo malestar existente entre os traballadores deste departamento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar polas declaracións de López Abella. A publicación dos procesos selectivos no DOG son as mellores bazas para un persoal que está disposto a chegar até as últimas consecuencias para defender a súa dignidade laboral.

A pesar das continuas peticións de rectificación, dende o Goberno ninguén desmentiu as acusacións de enchufismo que recolleu con amplos titulares boa parte da prensa. De feito, segundo puido saber Vieiros, numerosos traballadores das oficinas I+B tamén rexistraron este venres un escrito no consorcio pedindo o amparo do actual xerente, Roberto Rodríguez.

Semanas quentes

Este xoves celebrouse unha asemblea de traballadores das oficinas I+B nas que decidiron inciar unha serie de mobilizacións para denunciar que nos orzamentos de 2010 non aparecen partidas para os equipos de Igualdade, Familia e Infancia o que podería indicar o peche destes servizos sociais comarcais e o despedimento de perto de medio cento de empregados. Nin a Consellaría de Traballo e Benestar, nin a Secretaría Xeral de Igualdade, nin a dirección do Consorcio aclaran se o vindeiro ano van a seguir en marcha estes servizos públicos.

Os traballadores tamén acordaron solicitar entrevista cos tres grupos parlamentarios, co presidente da Fegamp e coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. A partir do luns, os máis de 1.200 decidirán se inician unha folga en apoio dos equipos de I+B que cuestiona o Goberno.


4.96/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: