Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estratexias que agravaron a crise

Caixa Galicia: o furado nos petos que deixou a tentación do ladrillo

Moitos ovos no cesto do ladrillo e por riba nalgún dos que tiña os vimbios máis febles, explican os apuros cos que a entidade navega a crise financeira nesta altura.

R.N. - 12:00 03/11/2009
Baixo a pilotaxe de Xosé Luís Méndez, a caixa acumulou un feixe de problemáticas operacións inmobiliarias

Baixo a pilotaxe de Xosé Luís Méndez, a caixa acumulou un feixe de problemáticas operacións inmobiliarias

A inmobiliaria valenciana Astroc foi o primeiro xigante que se probou con pés de barro no sector dos grandes magnates do ladrillo no Estado español. Os pelotazos cos que inchou o globo desta empresa nos bos tempos da burbulla cociñáronse cos cartos de moitos investidores seducidos polos prometedores números cos que se disparaba a cotización da empresa. E por tras dos pesos que financiaron o xigante nado en terras levantinas, aparecían investidores da outra punta da península. Caixa Galicia pilotou neses días un dos negocios dos que máis remorso haberán de ter os seus responsábeis, ao facerse co 5% de Astroc. É xustamente un máis dos problemas que lastrou a entidade galega nos últimos tempos manténdoa, en símil futbolístico, nunha terceira división a nivel estatal, afastada da media das máis estábeis do sector das que conformarían unha segunda división e moi lonxe dos números da división de honra das caixas máis saneadas.

Deslumbrada polo ritmo imparábel que Astroc marcaba no parqué bolseiro, a entidade dirixida por Xosé Luís Méndez brincaba ás portas do estoupido da burbulla no capital desta empresa. Unha cobiza que mesmo levou a caixa a encher o peto coa venda dun 1% para en breve e coa cotización disparada, volver a apañar outro 1% da inmobiliaria, confiando na imparábel subida e estabilizándose na altura de 2007 no 5% do total. Cunha revalorización récord en 2006 e un acelerado inicio na bolsa en 2007, a caixa galega non foi quen de ventar a debacle do feble proxecto que vendía, con indubidábel sentido do márketing, o millonario Enrique Bañuelos. En abril de 2007 chegaba así metida até o pescozo no primeiro gran accidente do sector inmobiliario estatal, co desplome en bolsa de Astroc de até un 42%. Dun día para outro esvaíase un de cada dous pesos galegos inxectados no ladrillo levantino, nunha caída que sería aínda maior nas semanas posteriores.

Un burato aínda sen pechar e é que en xaneiro de 2009, a Corporación Caixa Galicia comunicaba a subscrición de 35 millóns de accións da ampliación de capital lanzada por Afirma, cun gasto de 17 millóns de euros. Trataba así a entidade de converter en participacións un porcentaxe da débeda que ten con ela este grupo inmobiliario, incapaz de cubrir apenas a décima parte de ampliación de capital en marcha. Deste xeito, Caixa Galicia mantiña o 4% do grupo, nacido dous anos antes da fusión de Astroc, Landscape e Rayet con outras 15 inmobiliarias.

Problema compartido con outras entidades
A finais do pasado mes de abril, a axencia de cualificación de riscos Moody's subliñaba novamente o problema das caixas no Estado Español debido ao seu vencello co sector inmobiliario. Segundo a axencia, a elevada exposición das caixas e promotoras e construtores é unha das claves da debilidade das entidades.

Con todo, trátase dunha debilidade máis manifesta nalgunhas entidades, como é o caso de Caixa Galicia. Non se trata só de meter ovos demais no cesto do ladrillo, senón de poñelos nalgún dos cestos que se revelan máis febles como o significativo caso de Astroc. Outro exemplo é o acontecido con Fadesa. Nunha nota remitida en xullo de 2008 á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a entidade galega aseguraba que non tería que realizar dotacións adicionais durante 2008 polos riscos asociados a Martinsa Fadesa. Con todo, a solicitude de concurso de acredores realizada pola construtora obrigáballe a anunciar o provisionamento cautelar de 78 millóns de euros, importe que cubría con plusvalías do primeiro semestre dese ano.

O interese de Caixa Galicia polo sector mesmo chimpou máis aló das fronteiras estatais. Así por exemplo, a finais de 2007, e durante unha visita á oficina da entidade en Miami, nos Estados Unidos, e a oficinas en México e Panamá, o director xeral da caixa subliñaba que a relación coas empresas do sector inmobiliario sería prioritaria na estratexia exterior. De feito e remitíndose á actividade actual da caixa e a súa relación coa comunidade galega no exterior, admitía Méndez que o apoio á diáspora de Caixa Galicia se centra sobre todo no sector inmobiliario.

A caixa "facendo caixa"
En xuño de 2008, o multimillonario veciño coruñés Amancio Ortega, tsar de Inditex, desembolsaba, a través do seu Grupo Pontegadea, un total de 250 millóns de euros a cambio de 40 locais e edificios propiedade até daquela de Caixa Galicia.

Unha operación semellante á que Ortega asinou tamén co Banco Santander e pola cal Caixa Galicia pasa a ser inquilina dos inmobles, por un prazo de entre 15 e 40 anos, nunha venda con opción de recompra. Con esta operación, a entidade desprendíase de vinte propiedades en Galiza e outras tantas en diversos puntos estratéxicos de Madrid, Barcelona, Bilbo ou Valencia, entre outras cidades, minguando a algo menos de 600 o número total de edificacións e locais en propiedade ao desprenderse de arredor do 10% do seu patrimonio.

Unha situación que xorde da necesidade de liquidez e de facer caixa da que son exemplo tamén as prácticas das que lles contamos recentemente, como é o caso do aumento das comisións, as hipotecas con seguro por suba do euríbor ou a emisión de participacións preferentes, colocadas indiscriminadamente aos clientes malia os seus riscos e, no caso de Caixa Galicia, froito de advertencias desde as axencias de cualificación que avisaron do alto grao especulatico da emisión de preferentes da entidade.


4.82/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: