Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MUNDO

Protestas en México coa vista posta no paro nacional

O que se iniciou como unha protesta do sector electricista, exixe agora un novo pacto social que "recupere o poder dende o pobo".

Redacción - 12:16 12/11/2009

A desaparición da estatal Compañía de Luz y Fuerza del Centro (CLyFC), decretada hai un mes polo goberno federal e que afecta a 44 mil traballadores, levou canda si a organización de importantes protestas en México. A última destas convocatorias foi a folga nacional en Cidade de México, un acto que resultou ser un éxito, tanto en seguimento como en capacidade de mobilización. Na xornada do mércores, pecháronse as universidades públicas, bloqueáronse os accesos por estrada e realizouse unha marcha na que participaron máis de 60 mil persoas, segundo as autoridades locais.

Neste contexto, o Sindicato Mexicano de Electricistas (SME) fixo un chamado aos mexicanos para sumárense ás mobilizacións "para estabelecer un novo pacto social, que leve a un movemento nacional pacífico para recuperar o poder dende o pobo". Ademais, exixen "o restabelecemento da orde constitucional que rachou o goberno de Felipe Calderón". "As condicións son propicias para un paro de traballadores de todo o país e de todos os sectores", dixo Martín Esparza, o líder do SME.

A loita continúa
Se ben a data deste paro nacional, que sucederá á folga do mércores, aínda se decidirá nos vindeiros días, os sindicatos coinciden en dar azos á convocatoria. "É a única arma que temos os traballadores para mudar a política do actual goberno, que ten na pobreza extrema a 30 millóns de mexicanos", explican.

Pola súa parte, o goberno mexicano, que criticou as protestas desta semana, insiste en que non dará marcha atrás na desaparición da empresa pública de electricidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: