Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SERVIZOS PÚBLICOS

O desmantelamento de oficinas I+B deixa 140 colexios do rural sen aulas de igualdade

Hai un mes, antes de confirmar os despedimentos, a Xunta anunciara que  mantiña os programas de sensibilización dirixidos á comunidade escolar.

Redacción - 09:00 16/11/2009

Dende que esta semana o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar anunciara o despedimento de 61 traballadoras dos plans de Igualdade, Familia e Infancia, as dúbidas non paran de incrementarse. Nos concellos e centros escolares onde estaba a traballar o persoal das oficinas I+B aínda non recibiron noticias de que vai pasar cos servizos que até agora desenvolvían as profesionais.

Un dos exemplos da improvisación que se vive ten que ver cos programas de igualdade dirixidos a alumnos de Primaria e Secundaria do ensino público. Dende o curso 2008/2009 seis equipos comarcais encargábanse, entre outras funcións, de levar adiante o chamado Programa de Intervención Educativa en Materia de Igualdade.

O pasado 4 de outubro, o Consorcio anunciou na súa páxina web que na segunda edición deste programa 140 colexios públicos das comarcas de Bergantiños, Eume-Ferrol, Terra de Lemos, O Carballiño e da comarca de Vigo recibirían seminarios. Por vez primeira tamén se incluían obradoiros de formación para o resto da comunidade docente (pais e profesorado).

O futuro deste programa queda en suspenso xa que aínda que está planificado até o mes de maio de 2010, os equipos comarcais de Igualdade suprimiranse a finais deste mesmo ano, ao non contemplarse partidas económicas nos orzamentos. Dende o Consorcio recoñecen que non teñen previsto nada ao respecto e limítanse a afirmar que "aínda se vai estudar" nas vindeiras semanas o que vai suceder a partir do 1 de xaneiro.

O Consorcio recoñecía hai un mes o éxito do programa

No comunicado de prensa de outubro, a dirección do Consorcio falaba da boa valoración que tiña un programa escolar dirixido "á promoción de relacións igualitarias, á prevención da violencia de xénero e á corresponsabilidade". Segundo a mesma nota, os profesores e o alumnado valoraran moi positivamente os seminarios educativos.


4.58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: