Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESMANTELAMENTO DAS OFICINAS I+B

O Goberno despide o persoal de Igualdade, Familias e Infancia

Atrás queda unha grave polémica na que non faltaron falsas acusacións de “enchufismo”. O despedimento de 61 traballadoras farase efectivo antes de fin de ano.

Redacción - 11:00 11/11/2009

O desmantelamento das oficinas comarcais de Igualdade e Benestar postas en marcha polo bipartito vai comezar nas vindeiras semanas. O xerente do consorcio, Roberto Rodríguez, comunicoulle este mércores a representantes de traballadores que cara a fin de ano se suprimirán os equipos que levan adiante o Plan de Igualdade e o de Apoio ás Familias.

Segundo lles explicou este cargo político, a decisión do Goberno é firme e non hai vontade de negociar. Nin a Secretaría Xeral de Familia e Benestar (encadrada na Consellaría de Traballo), nin a de Igualdade (que depende directamente do presidente) contan cos 32 técnicos que levan perto de dous anos traballando nestas áreas. Aínda que dende a Consellaría de Traballo e Benestar prometeran hai dúas semanas estudar coa Fegamp unha posíbel continuidade do persoal, segundo puido saber Vieiros, a decisión de non destinar diñeiro a estes servizos públicos xa estaba tomada. Tamén semella máis que probábel que corran a mesma sorte 29 técnicos do Plan de Apoio á Infancia e á Adolescencia, segundo lle explicaron dende a Xunta aos representantes sindicais.

A comunicación oficial prodúcese logo dunha grave polémica polas declaracións da secretaria xeral de Familia no Parlamento. O pasado 23 de outubro, Susana López Abella xa deixaba entrever que o Goberno non contaba coas oficinas I+B e arremetía contra o persoal, ao que acusaban de seren “enchufados” e de estar nos seus postos sen ter pasado ningún proceso de selección. As graves declaracións foron recollidas con grandes titulares por boa parte da prensa.

Unha acusación falsa que abría o camiño ao desmantelamento?

As palabras da alto cargo produciron unha forte reacción das traballadoras que demostraron a existencia de concursos públicos legais e transparentes. Máis aló, pediron unha rectificación pública de López Abella e iniciaron accións legais por difamación. Case dúas semanas despois, a propia Consellaría de Traballo e Benestar viuse na obriga de aclarar que os procesos de selección foran regulamentarios e que en ningún momento quixeran cuestionar a honorabilidade do persoal das oficinas. Porén, a denuncia contra López Abella segue adiante, ao considerar o persoal que non houbo unha rectificación real da propia secretaria.

Nas oficinas I+B están convencidos de que as continuas acusacións de “enchufismo” buscaban xustificar socialmente a abolición destes postos laborais. Para eles, o refrán de “difama que algo queda” cumpriuse á perfección neste caso. Aínda que dende antes do verán, intentaron reunirse coa secretaria xeral de Igualdade, Marta González, e con López Abella para saber se ía haber continuidade dos programas, as portas de San Caetano mantivéronse pechadas.

Cal era o obxectivo do Plan Galego de Igualdade e do de Apoio ás Familias?

-Plan de Igualdade: O programa, no que traballaban 19 profesionais (12 técnicos de igualdade, seis avogadas e unha coordenadora), nacía para fomentar a visibilización e participación da muller. Por vez primeira tamén, a oferta incluía asesoramento xurídico gratuito a mulleres de concellos (maioritariamente rurais) onde non existe ningún tipo de recurso. Mais o traballo tamén se dirixía a ducias de centros escolares públicos onde os equipos se encargaban da educación en igualdade dos máis pequenos.

-Plan de Apoio á Familia:Composto por doce técnicos e unha coordinadora, o programa dirixía unha rede conxunta coas educadoras familiares de todo o país. Entre as súas principais tarefas estaba a elaboración dun programa marco que fose aplicábel en todo o país e que servise para mellorar os recursos dos municipios con menos posibilidades económicas.

Como foi o acceso aos postos de traballo dos despedidos?

Ben contrario do que tiña dito López Abella, o proceso de contratación temporal dos equipos de Igualdade e Familia foi máis que completo. As traballadoras accederon ao seu posto logo de superar un concurso composto de dous exames e onde non había nin entrevistas persoais nin méritos previos. Os procesos foron publicados no DOG (24/10/2007) e na propia páxina do Consorcio. No caso dos traballadores de Infancia e Adolescencia a súa contratación fíxose botando man das listas de agarda regulamentarias.


4.85/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo elaborado polas traballadoras

López Abella terá que ir ao xulgado por falar de "enchufismo" nas oficinas de I+B
López Abella terá que ir ao xulgado por falar de "enchufismo" nas oficinas de I+B
A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, no centro da imaxe
A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, no centro da imaxe
Representantes de traballadores ensinan fotocopias do DOG onde figuran os concursos públicos
Representantes de traballadores ensinan fotocopias do DOG onde figuran os concursos públicos