Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Golpe de estado en Honduras

Manuel Zelaya anuncia que impugnará o resultado das eleccións

A OEA tampouco recoñecerá o resultado dos comicios do 29 de novembro se non é restituído no seu cargo.

Redacción - 11:00 15/11/2009
Zelaya, este sábado

Zelaya, este sábado

O presidente constitucional de Honduras, Manuel Zelaya, anunciou este sábado que vai impugnar os resultados das eleccións previstas para o próximo día 29 e pechou a porta definitivamente á súa restitución no cargo.

Nun discurso desde a embaixada de Brasil en Tegucigalpa, onde leva refuxiado máis dun mes, Zelaya acusou de "ilegal" o proceso electoral impulsado polo presidente golpista, Roberto Micheletti, e asegurou que os comicios non solucionarán a crise política en que está inmersa o país.

"Reafirmo a miña decisión de que a partir desta data, calquera que fose o caso, eu non acepto ningún acordo de retorno á presidencia da República para encubrir este golpe de estado", dixo o mandatario derrocado lendo unha carta dirixida ao presidente dos Estados Unidos, Barack Obama.

"Baixo estas condicións non podemos apoiar as eleccións", manifestou. "Procederemos a impugnala legalmente en nome de milleiros de hondureños e de centos de candidatos que senten que esta competencia é desigual", engadiu.

A Corte Suprema de Xustiza de Honduras designou a pasada cuarta feira unha comisión que se encargará de, a petición do Congreso, analizar e emitir un ditame xurídico sobre a posíbel restitución de Zelaya, derrocado o pasado 28 de xuño e único presidente recoñecido pola comunidade internacional.

A Organización de Estados Americanos (OEA) tampouco recoñecerá o resultado dos comicios do 29 de novembro se Zelaya non é restituído, unha cuestión sobre a que debería decidir nos próximos días o Congreso do país.


Ligazóns

3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: