Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Falan Luís Villares, López Suevos e Xosé González

Sorpresa no eido xudicial polo auto que cuestiona a utilidade da lingua

Máis alá do caso concreto, os profesionais do dereito consideran "intolerábel" que o xuíz se permitise consideracións prexuizosas.

Isabel G. Couso - 14:30 18/11/2009

"Mesquiño, intolerábel e carente de rigor". Estes son os cualificativos que o xuíz de primeira instancia e instrución da Fonsagrada, Luis Villares, lle adica ao auto dun xulgado de Alcorcón que lle retira a unha viguesa a custodia das súas dúas fillas alegando unha cuestión lingüística. Na mesma liña se manifestan outros profesionais do ámbito da xustiza galega consultados por Vieiros, quen, cando menos, amosaron a súa sorpresa polos argumentos esgrimidos polo xuíz madrileño.

Primeiro caso
"Que se valore a liberdade lingüística como criterio de atribución da garda custodia non ten precedentes", explica Villares, "hai que ter en conta que a liberdade lingüística é un principio constitucional de primeira orde, polo que unha resolución deste tipo iría mesmo en contra deste dereito". Ademais, nunha situación coma esta, na que se decide sobre unhas nenas, "debe terse en conta ante todo o supremo interese do menor", asegura, "que dificilmente podería estar en risco por unha cuestión de lingua".

Do mesmo xeito se pronuncia Ana López Suevos, xuíza de instrución en Santiago de Compostela. Se ben adianta que non se quere pronunciar sobre o caso concreto, ao non coñecer en detalle a documentación, cualifica de "intolerábel" que o auto conteña consideracións e valoración sobre a lingua. En concreto refírese ao enunciado que considera que o traslado das nenas a centros públicos de Vigo levaría canda si unha inmersión lingüística "nunha lingua distinta a aquel na que estiveron escolarizadas até o de agora, que máis alá do ámbito daquela Comunidade Autónoma, non se aprecia que teña ningunha outra utilidade práctica". Porén, López Suevos explica que, para chegar a conclusións do prexuízo e desarraigamento que sobre as pequenas puidera ter o traslado a Galiza, tiveron que ser tidas en conta probas periciais sobre as que, ao non ser públicas, preferiu non pronunciarse.

Non senta precedente
Con todo, ambos xuíces subliñan que un auto emitido por un xulgado non asenta ningún tipo de precedente. Atendendo á lóxica xudicial, a familia recorrerá agora ante a Audiencia Provincial de Madrid, que debería confirmar ou rexeitar a decisión. "Só no caso de que este tribunal referendase o auto, acadaría o status de referente para outras sentenzas, mais hai que recordar que só o Tribunal Supremo crea xurisprudencia", explican.

Por iso, Villares asegura que "este caso non debería pasar dunha desafortunada anécdota, despois de que un xuíz metese a zoca e reflectise os seus propios prexuízos e ignorancia sobre as linguas do Estado Español". Malia coincidir co seu colega, López Suevos tamén pon sobre a mesa as consecuencias que tería asumir un argumento coma este en diferentes procedementos: "teríamos decisións diferentes en función de se as denuncias proceden dunha comunidade bilingüe ou non", explica.

Cuestión de fondo: a falta de formación
Máis alá vai fundador da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en Galego, Xosé González. Recorda que, na elaboración do Proxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, os profesionais cataláns loitaron para que a sede da Escola Xudicial se situase en Cataluña. "A localización non é unha cuestión menor", explica, "porque pon o acento sobre a necesidade de que os alumnos aborden con maior seriedade certa sensibilidade con respecto ás cuestións lingüísticas derivadas do Estado das Autonomías".

Porén, na actualidade, elementos como as linguas ou as culturas particulares non forman parte dos temarios aos que se teñen que enfrontar os futuros xuíces, avogados ou fiscais, mais alá da organización de cursos puntuais. A cuestión é que estes seminarios de formación dependen en gran medida das propias asociacións profesionais. González lamenta que "puntos fundamentais para a formación dun xurista como o réxime xurídico de cada Autonomía ou o coñecemento das linguas periféricas queden en mans destes colectivos", fundamentalmente cando están tan politizados (cunha maior porcentaxe, por outra parte do conservadorismo).

Adianta, pois, que a responsabilidade da formación dos profesionais da xustiza neste tipo de temas e, en consecuencia, da súa ignorancia debe recaer no propio Consello Xeral do Poder Xudicial (tamén cunha maioría conservadora). Reiterando que é un "problema político ao que hai que dar solución", entende que o seguinte paso por parte de Galiza debería ser que "o Parlamento inste ao CXPX a abrir un expediente ao xuíz de Alcorcón para que corrixa, en definitiva, as actuacións incorrectas levadas a cabo por parte deste maxistrado".


4,9/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: