Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O superdelegado ourensán agóiralle rivais

Baltar Blanco desafía os adversarios do PP ourensán a saíren á luz e competir polo liderado

Cualifica de "ciencia ficción" a posibilidade dunha xestora e insiste en que só se retirará da carreira se recunca seu pai Xosé Luís Baltar.

Redacción / Europa Press - 11:35 25/11/2009

"A miña posición segue sendo a mesma, non cambiou", subliñaba este martes o coordinador do PP de Ourense e vicepresidente do Parlamento, Xosé Manuel Baltar Blanco. O deputado ourensán reafirmou a súa intención de liderar a formación na provincia, que con probabilidade será convocado a comezos do próximo mes de decembro para celebrarse o vindeiro xaneiro. "A decisión segue sendo igual de irrenunciábel e irrevogábel", teimou, lembrando que só se apartará do camiño polo liderado se Xosé Luís Baltar decide aspirar a un novo mandato.

Así, e ao fío das especulacións xurdidas sobre posíbeis candidatos á presidencia da formación na provincia, comentou que de momento só el deu "un paso adiante". Nese sentido, mostrouse aberto a competir cos candidatos que o consideren oportuno e engadiu que, se hai afiliados ao PP ourensán coa vocación de liderar a formación, o que teñen que facer "é presentarse". "Así poderemos debater e contrastar ideas e propostas", comentou. Doutra banda, Baltar foi críotico ao respecto das afirmacións do delegado da Xunta en Ourense, Roxelio Martínez, sobre a posibilidade de constituír unha xestora para dirixir o próximo conclave e garantir a súa "neutralidade". "Iso entra no terreo da ciencia ficción", dixo, sobre uns comentarios de Martínez que a propia dirección do PPdeG xa reducira a "declaracións feitas a título persoal".

O superdelegado mete baza aínda que descarta a súa candidatura
O dirixente do PP e delegado da Xunta en Ourense, Roxelio Martínez, prognosticara durante a mesma xornada que con seguridade Xosé Manuel Baltar Blanco terá competidores na loita pola presidencia do partido na provincia. "É indubidábel", asegurou.

Con todo, avisou Roxelio Martínez de que non será el quen dea o paso. "Nunca se me pasou pola cabeza", indicou logo de que recentemente saíse ao público o seu nome como posíbel candidato a liderar unha lista de consenso que acade un punto de equilibrio entre a dirección do PpdeG e o sector liderado por Xosé Luís Baltar. Sobre o mesmo asunto, outro dos posíbeis competidores de Baltar Blanco, o deputado Rosendo Fernández, asegurou que "ninguén" lle propuxo dar tal paso nin está entre os seus obxectivos rexistrar a súa candidatura. Ao tempo, ratificou o seu "apoio total" a Xosé Manuel Baltar. "É un gran candidato", afirmou. Así, e aínda admitindo que "hai un elenco de persoas que poderían optar ao cargo no partido", definiu o fillo do actual barón provincial como "o mellor preparado e o que mellor coñece a provincia".


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: