Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE DA AUTOMOCIÓN

O maior ERE galego afectará o vindeiro ano a 770 traballadores

A maior factoría de Vigo despois de Citroën presenta un expediente de regulación de emprego temporal de 45 días e prevé prexubilar os maiores de sesenta anos.

Redacción - 11:12 10/12/2009

O vindeiro ano comezará cun novo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) no sector da automoción, unha fórmula que, desta vez, afectará a un total de 770 traballadores da zona de Vigo. Trátase de GKN Driveline, a factoría máis grande de Galiza logo de PSA Peugeot-Citroën e que produce transmisións para fabricantes de coches como General Motors (Opel), Ford ou Volkswagen, entre outros.

Segundo a empresa, este ERE, de carácter preventivo, tería unha duración de 45 días de libre disposición e obedecería a unhas previsións de actividade baixas por mor dunha caída da produción dun 20%. É o terceiro que solicita a multinacional británica dende que comezara a crise e a dirección xa adiantou que prevé amplialo a 75 días se fracasase o seu plan para prexubilar a todos os empregados maiores de sesenta anos.

A CIG xa rexeitou a medida alegando que a factoría está a utilizar os EREs como unha "ferramenta de flexibilidade", cando só deberían solicitarse en épocas de baixa produtividade. Como exemplo puxo os tres procedementos similares seguidos este ano, cando mesmo se chegaron a facer horas extras. GKN Driveline solicitou en total 100 días de ERE para todo o ano 2009, dos que ao final se consumirán unha media de 48 días. Mentres se negocian as condicións, o sindicato nacionalista insiste en que esta fórmula non debe ser utilizada pola empresa nin aprobada pola Administración "como enxeñería financeira a cargo do salario dos traballadores".


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: