Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A cara B do negocio eólico

A corrupción aniña entre muíños de vento

"With Wind Energy, Opportunity for Corruption" é o titular da reportaxe publicada este domingo en 'The New York Times', que non esquece un soado caso en Galiza.

Redacción - 18:45 14/12/2009

A investigación que destapou hai días irregularidades na construción dun parque eólico no municipio de Santa Lucía de Tirajana (Illas Canarias), coa imputación do alcalde, cinco concelleiros e varios empresarios, sérvelle ao diario estadounidense The New York Times (NYT) para analizar polo miúdo os intereses que se agochan tras o negocio da enerxía eólica, especialmente en Europa e concretamente no Estado Español, mais tamén nos EUA.

"Tráfico de influencias, apropiación indebida de terras, suborno, ... A motivación? Até 40 millóns de euros en subvencións da UE", salienta o rotativo en referencia ao caso canario na peza titulada "With Wind Energy, Opportunity for Corruption" ("Coa enerxía eólica, oportunidade para a corrupción"), publicada este domingo (en papel, o luns, no The International Herald Tribune, edición internacional do NYT).

Esta pescuda, afirman, así como outras que se están a desenvolver tanto en Europa como nos EUA poñen de relevancia a actuación "en ocasións irresponsábel" da industria eólica. Especialmente no Vello Continente, as subvencións públicas -incluídas as da UE que distribúe máis de 50 mil millóns de euros ao ano- son o arelado obxecto de desexo que provoca este comportamento, din.

"É a mesma mentalidade que cos depósitos de petróleo en Texas" afirma Jesús Bethencourt Rosillo, un avogado de Santa Lucía que representa un 'arrepentido' canario. "Isto é como a quimera do ouro, e todo o mundo quere un parque eólico a calquera prezo".

John Etherington, un ex profesor de Ecoloxía na University of Wales e autor de The Wind Farm Scam (O timo dos parques eólicos), sostén tamén que a dependencia das axudas públicas é o que fai que o negocio sexa "moi vulnerábel ás estafas". Ademais, ao contrario que a Asociación Europea de Enerxía Eólica, considera que o negocio debería contar con maior regulación. Non é o único que pensa así.

Desde a oficina do Fiscal Xeral de Nova York afirman: "É unha novísima área de negocio coa promesa de moitísimos cartos por facer, tanto para produtores como para propietarios das terras" e, neste senso, salientan que a industria está amplamente desregulamentada. "Cada vez que hai acordos financeiros, unha nova industria e grandes sumas de diñeiro, hai potencialidade para a corrupción".

O caso de Ramón Ordás Badía

O NYT repasa varios destes casos: "Algúns fiscais locais españois veñen prestando atención nos últimos tempos aos muíños repartidos entre os 737 parques eólicos que producen 16.740 megavatios de enerxía, a maioría no nordeste de Castela e León e Galiza. En Galiza, o ex responsábel de Industria e Enerxía afronta cargos de tráfico de influencia por dar licenza a sete parques eólicos desenvolvidos polo seu cuñado", en referencia ao ex director xeral de Industria Ramón Ordás Badía.

Outro exemplo atópase en Corsica, con desfalcos de máis dun millón e medio de euros. Ou en Italia onde 15 persoas -entre outras, un directivo da Asociación Europea de Enerxía Eólica- foron arrestadas recentemente nunha trama baseada no Esquema Ponzi (como o levado a cabo por Bernard Madoff), que lles permitiu apañar até 30 millóns de euros en axudas comunitarias.

Ao respecto das axudas públicas, o NYT tamén informa de que o Departamento de Enerxía dos EUA -un dos tres estados que máis enerxía eólica produce xunto co alemán e co español- xa anunciou o reparto de máis de mil millóns en subvencións, así como cobertura do 30% dos custes de cada proxecto.

'Negocio redondo'

"O funcionamento das 'granxas de vento' segue un patrón común tanto nos EUA como na UE. É unha complexa cadea en que, habitualmente, pequenos empresarios chegan a acordos de longa duración para arrendar as terras dos labregos e procuran as licenzas dos gobernos locais para os parques eólicos. Logo, estes empresarios venden os dereitos de explotación a través de intermediarios a grandes compañías multinacionais ou empresas públicas que constrúen os parques", explica o xornal.

"O atractivo é básico", estima: "A construción dunha turbina estándar de 2 megavatios custa arredor de 2,75 millóns de euros e produce un 275 mil euros ao ano pola venda de electricidade ao prezo de mercado. Porén, eses ingresos pódense duplicar, chegando ao medio millón de euros grazas ás axudas públicas por se tratar de enerxías renovábeis". O NYT resúmeo deste xeito: "Os muíños, símbolos dunha industria en auxe e do seu potencial para producir abundante enerxía limpa ... e corrupción".


Ligazóns

4.73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: