Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Dous anos de traballo

O dicionario en lingua galega das TIC xa está en liña

O servizo conta con máis de catro mil termos co obxectivo de que o idioma ocupe o seu lugar tamén no eido das novas tecnoloxías.

Redacción - 14:09 15/12/2009

Despois de dous anos de traballo, presentouse o primeiro dicionario enciclopédico galego sobre novas tecnoloxías. O Digatic (Dicionario galego das TIC) foi froito do traballo conxunto da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e da Xunta, coa colaboración da Universidade de Vigo e da RAG.

A publicación recolle máis de catro mil termos e supuxo un investimento de máis de 180 mil euros. O seu obxectivo é divulgar a terminoloxía das novas tecnoloxías na lingua do país e ser unha ferramenta pedagóxica para o seu uso e difusión no ensino e na cidadanía en xeral. Ademais da súa edición en papel, o Digatic está dispoñíbel a través da internet, no enderezo www.digatic.com, onde será actualizado permanentemente.

No acto de presentación participaron o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela. Lorenzo salientou os datos do Observatorio da Lingua Galega, que amosan que no grupo de idade dos 15 aos 24 anos case o 50% declara empregar ferramentas en galego e que preto do 20% do conxunto da sociedade emprega algún programa informático no idioma propio. Malia isto, recoñeceu que "o uso do galego nas TIC por parte da cidadanía é moi inferior ao que se produce noutros contextos, o cal indica que temos unha responsabilidade e un camiño por seguir neste campo".

Nese senso, Lorenzo afirmou que o Digatic vai ser "un elemento imprescindible para facilitar o desenvolvemento do labor da comunicación en galego". Ademais, lembrou a publicación de Feito!, que recolle as ferramentas máis útiles en galego no eido das TIC.


4,67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: