Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O galego no ensino

Reaccións: Os centros terán que pandar cos conflitos que "creará" o 'decreto Feijoo'

Rafael Cuiña, Gloria Lago, Henrique Monteagudo e Alba Nogueira valoran a proposta presentada polo Goberno.

Fernando Arrizado - 14:00 31/12/2009
Feijoo e Vázquez, na presentación

Feijoo e Vázquez, na presentación

A Xunta, tal e como se agardaba, aposta por un modelo de "tres terzos" (galego, castelán e inglés) para o novo decreto do galego no ensino. A principal novidade respecto ao que se veu filtrando nas últimas semanas é a participación dos pais na elección da lingua para determinadas materias, que será anual na Educación Infantil e cada catro anos na Primaria e na Secundaria.

Ademais, en caso de que os centros non poidan ofertar un terzo das materias en inglés, os consellos escolares elixirán as materias dese cupo de xeito proporcional entre galego e castelán. Desta situación, pódese extraer unha conclusión: dun decreto que aseguraba como mínimo un 50% de galego, pásase a outro do 50% como máximo, porcentaxe que irá diminuíndo a medida que os centros vaian contando con máis recursos para ofertar as materias en inglés e que levará finalmente a que só o 33% sexan na lingua propia de Galiza.

Mais outras moitas incoherencias, problemas, situacións contraditorias e conflitos -que a Xunta deixa en mans dos centros educativos para que sexan solventados- fan que o borrador do decreto, segundo as persoas consultadas, vaia ser de complicada aplicación.



Rafael Cuiña: "Votación secreta no Parlamento"
"É unha trampa". Rafael Cuiña, militante do PPdeG e membro de Prolingua, mostra a súa decepción pola proposta do Executivo que preside Alberto Núñez Feijoo. Considera unha "tristura" que un "elemento de cohesión" como é o galego se utilice desde a Xunta para "enfrontar", e sostén que o decreto proba que "neste Goberno non hai vontade de apoiar un símbolo tan importante da nosa identidade" como é a lingua. Neste senso, dada a "importancia" da cuestión e -apunta- desde a súa condición de membro da formación conservadora, suxire que a norma se referende no Hórreo a través dunha "votación secreta". É dicir, que os representantes parlamentarios do Grupo Popular poidan votar en conciencia co que veñen manifestando "en privado" ao respecto do decreto.

Gloria Lago: "Incumpre a Lei de Normalización"
Tamén decepción e sobre todo frustración son os dous sentimentos que deixan en Galicia Bilingüe as 'Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia' presentado esta cuarta feira. Gloria Lago, presidenta da asociación que máis presionou para que o aínda vixente decreto 124/2007 fose derrogado. De feito, sinala, conseguiran na campaña electoral o "compromiso" do candidato popular á Xunta e actual presidente do Goberno con algunha das súas principais reclamacións. "O señor Feijoo non cumpriu. Prometeu que os pais poderían elixir a lingua das materias troncais, e non cumpriu", afirma Lago, que ademais considera que este decreto "vai ser máis complicado de levar a cabo" que o que lles avanzara. Ademais, lembra que "incumpre a Lei de Normalización" xa que en Infantil "non se respecta o dereito dos pais a escolarizar os fillos na súa lingua materna". Como exemplo expón que "nun ambiente urbano onde hai maioría de castelanfalantes, un neno de familia galegofalante pode chegar a non ter nin idea de galego". Isto, di, solventaríase cunha "atención individualizada", que recoñece que se contempla en certa medida no novo decreto, mais que porén non contempla os casos dos "centros con máis dunha aula".

Henrique Monteagudo: "Fonte de conflitos"
O sociolingüística, profesor de Filoloxía Galega na USC, Henrique Monteagudo, prefire non avanzar datos do informe consultivo que elabora sobre o borrador do decreto o Consello da Cultura, institución da que é secretario. No entanto, valórao como "unha norma que dá a impresión de querer integrar propostas antitéticas, de contentar colectivos visións totalmente opostas". O tamén membro de 'Galego. Patrimonio da Humanidade' pensa que vai ser de "moi complicada aplicación, case que imposíbel". Cre, ademais, que a lexislación galega sobre a lingua non se ve reflectida na súa "filosofía de fondo", e que expón os conceptos "como se o galego xa estivese normalizado". Chámalle a atención sobre este tema un dato "significativo": a mudanza de nome dos equipos de normalización que agora pasan a se chamar de "dinamización". A introdución dun terzo das materias en inglés, aparte de ser "discutíbel" -razoa Monteagudo- debería ser abordada "non por un decreto, senón por unha lei de rango maior". Mais o que máis preocupa o sociolingüista é que vai ser "fonte de conflitos". "Se a tese do señor Feijoo e do Goberno é que supostamente hai demasiado galego no ensino por imposición, a súa solución crea máis problemas", di. E engade: "Por exemplo, os centros que están cumprindo agora co decreto (un mínimo do 50% das materias en galego) vanse ver obrigados a recuar en beneficio do castelán ou do inglés, e iso vai ser unha fonte de conflitos".

Alba Nogueira: "Traslado dos problemas aos mestres"

Neste mesmo sentido enfoca as súas críticas Alba Nogueira, profesora titular de Dereito Administrativo na USC, que asegura que a norma "introduce o conflito lingüístico nas aulas" e "traslada aos mestres, ás ANPAs, a responsabilidade de solucionar os problemas que van xurdir". Consecuencia directa, considera a tamén integrante do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, da "pseudodemocracia" que se crea coa votación dos pais e que pode levar a "aberracións" como que en contornos castelanfalantes, a aprendizaxe e competencia en galego sexa "imposíbel de atinxir". Nogueira salienta varios "retrocesos graves" que de ser aprobado o novo decreto provocará: "Por primeira vez vaise ir en contra da doutrina do Tribunal Constitucional de tratar igualmente as situacións iguais, e desigualmente as desiguais; por primeira vez non se di que a lingua da administración educativa é o galego: nunca antes pasara, nin nos decretos da era Fraga que non excluían o dereito individual a solicitar as comunicacións en castelán; e por primeira vez o s materiais didácticos serán na lingua que elixan os pais, mais fomentando os da outra cooficial: é dicir, haberá fomento desde o Goberno galego de libros en castelán cos poucos que xa hai en galego".


3,86/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: