Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ESTRATEXIA

O PPdeG mobiliza as súas bases para contrarrestar a forte oposición ao decreto

Consciente da súa absoluta soidade, a dirección 'popular' apela á militancia para intentar levar adiante a súa aposta máis arriscada.

R.V - 12:30 19/01/2010

A derrogación do decreto de linguas no ensino era unha das grandes promesas do PPdeG. O discurso da “liberdade lingüística fronte á imposición” foi un dos  eixos da última campaña electoral. Os de Feijoo daban por feito que ese discurso podía rabuñar votos en determinados sectores urbanos especialmente belixerantes con calquera intento de normalización. A maioría absoluta xogábase por unha presada de sufraxios e os “populares” non dubidaron en botar carnada para pescar até a última papeleta.

O crebacabezas comezou poucos días despois do triunfo electoral. A derrogación do decreto era cuestión prioritaria. Moitos dos novos dirixentes “populares” tiñan posta a cara polas teses de Galicia Bilingüe, acudindo a manifestacións ou vinculando a súa continuidade no partido a cambios radicais na política lingüística.

Cando a finais de decembro o presidente da Xunta presentou a súa proposta lingüística para o ensino afirmou en innumerábeis ocasións que o Goberno pretendía “levar a normalidade lingüística da rúa ás aulas”. Porén, un mes despois daquela presentación, Núñez Feijoo comproba que o seu partido queda na máis absoluta soidade.

Á xa previsíbel oposición dos sectores máis implicados na normalización do idioma do país axiña se sumaron todas as organizacións políticas, sindicais e sociais sen fisuras. Consciente de que o conflito vai ser especialmente duro nos vindeiros meses, o PPdeG quere mobilizar as súas bases para compensar a batalla das ideas que está a perder na rúa.

A consciencia do risco
Este mesmo luns, o comité de dirección dos “populares” foi monotemático. Os conservadores decidiron dar un paso adiante horas despois de que a Real Academia Galega presentase un informe crítico coa proposta do Goberno. Alfonso Rueda foi o encargado de deixar claro que o PPdeG non está disposto a retroceder.

Escudándose na axustada maioría absoluta e vinculando todo o capital de votos á cuestión lingüística, os “populares” anunciaron unha “campaña informativa” por todas as comarcas do país “para explicar de forma próxima e detallada os obxectivos do texto e os plans educativos do Goberno”.

O PPdeG necesita convencer ás súas propias bases e intentar pechar filas. Eis unha demostración de que comezan a ser conscientes que o paso político que se preparan para dar ten grandes riscos. O primeiro paso é convencer a moitos alcaldes que non acabaron de comprender a necesidade de desatar unha guerra lingüística.

O deputado lalinense Román Rodríguez será o encargado de facer de correa de transmisión. A elección non semella casual. Profesor universitario, con ampla experiencia na política municipal, o número dous de Xosé Crespo converteuse nun 'birrete' nunha comarca noutrora dominada pola 'boina'.


2.68/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: