Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PSdeG pide explicacións

A Xunta gasta seis millóns en coches mentres os audis seguen no garaxe

Nos nove meses de goberno, o Goberno adquiriu 347 vehículos, a maior parte polo procedemento de rentig ou leasing.

Redacción - 18:30 27/01/2010
Lage Tuñas denunciou a "falsa austeridade" e "dobre moral" do PPdeG

Lage Tuñas denunciou a "falsa austeridade" e "dobre moral" do PPdeG

“Falsa austeridade e dobre moral”. Así cualificou o deputado socialista, Xosé Manuel Lage (PSdeG), a actitude do Goberno no referente á súa política de gastos. Segundo explicou, nos nove meses que xa transcorreron dende a toma de posesión de Alberto Núñez Feijoo a Xunta gastou máis de seis millóns de euros na adquisición de 347 vehículos, a maior parte a través do sistema de leasing ou renting.

Coches de alta gama
Lage denuncia ademais que os procesos se levaron a cabo “de xeito escuro, sen transparencia e con ocultismo”, a través de procedementos negociados e sen publicidade. De todos estes vehículos, 79 foron adquiridos pola Consellaría de Medio Rural o pasado xuño e 62 a finais de maio. A empresa pública Obras e Servizos Hidráulicos (dependente de Medio Ambiente) sumou outros 13 automóbiles en xaneiro; e o Servizo Galego de Saúde, outros 185.

A maiores, o parlamentario socialista subliñou que, mentres 17 coches da marca Audi seguen nos garaxes, a Xunta adquiriu outros cinco vehículos para a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) a finais de setembro, entre os que se inclúen dúas berlinas de clase superior e un todoterreo de gran cilindrada. Lage Tuñas preguntou ao PPdeG polas súas anteriores críticas ao goberno bipartito, ao que acusaban de desbaldir os cartos públicos: “como explican agora peticións como as que nos constan nalgúns casos nos que pedían explicitamente tapicerías de coiro?”.

Na mesma liña, falou doutros exemplos que porían de manifesto a “falta de coherencia” e “falsa austeridade” do goberno. Así, asegurou que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) destinou máis de 53 mil euros a comprar dous vehículos por un procedemento negociado sen publicidade ou denunciou o desembolso doutros 40 mil euros para adquirir outro coche de alta gama para o uso da conselleira do Mar, tamén “nun procedemento sen publicidade”.

Petición de explicacións
Lage Tuñas anunciou que os socialistas xa presentaron unha interpelación ao respecto e solicitaron a comparecencia do conselleiro Alfonso Rueda, “para que dea explicacións sobre estes procesos”. Asegurou que “terán que explicar ao Parlamento como é compatíbel a crítica demoledora que fixeron antes das eleccións con xustificar agora o que eles mesmos condenaron”.

O PSdeG acusa tamén ao Goberno de “ir en contra da lei de transparencia”, aprobada polo Parlamento, polos procedementos seguidos para a adquisición destes vehículos (procedemento negociado e sen publicidade). O deputado socialista apuntou ademais á existencia de “prácticas non visíbeis” por parte da Xunta e exixiu “que se regularicen estas actuacións” por parte das Consellarías.


4.1/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: