Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN

Contra o retroceso no sistema público de servizos sociais

Máis de 60 entidades manifestáronse en Compostela denunciando a actitude privatizadora do Goberno, que "vai contra o propio Estado de Benestar".

Redacción - 13:30 30/01/2010

Convocados pola CIG e pola acabada de constituír Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais, dous milleiros de persoas manifestáronse este sábado en Santiago de Compostela. Partiron dende a Praza do Toural para chegar até os edificios administrativos da Xunta, encabezada por unha pancarta co lema: “Servizos Sociais Públicos, non á privatización do Consorcio”.

Na protesta tomaron parte unha ampla representación de dirixentes da CIG e do BNG, entre eles o portavoz nacional, Guillerme Vázquez; o deputado no Congreso, Francisco Jorquera; ou membros do Parlamento como Anxo Quintana, Carlos Aymerich ou Ana Pontón.

Entre as súas reivindicacións subliñaron “a protección do sistema público de servizos sociais, que se garanta a infraestrutura necesaria para cubrir as carencias do conxunto da poboación, a consolidación de servizos comunitarios dirixidos á cidadanía con carácter predominantemente local, e a atención integral as familias. Ademais, a Plataforma demanda que a Xunta “volva atrás” no seu modelo de xestión dos servizos sociais e acusa o Goberno de “facer negocio” a través do “proveito económico, maximizando o beneficio e reducindo a calidade da prestación ao cidadán”.

Privatización do Consorcio
O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicou ao inicio da marcha que esta tamén se trata dunha mobilización máis “contra a privatización que pretende o PP do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, contra os 61 despidos deste organismo e en demanda de que se aplique o convenio asinado en marzo de 2009”. Así, subliñou que “nunha época de crise, os servizos sociais públicos son os que poden amortecer os seus efectos, que sempre son os máis desfavorecidos quen os sofren”, polo que dixo que “deben ser públicos para garantir que sexan de calidade e universais”.

Na mesma liña, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que “o carácter público é a única fórmula capaz de prestar os servizos en igualdade de condicións para todos os cidadáns en todo o ámbito territorial”.

Pola súa parte, o anterior vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana denunciou que “este Goberno está a destruír o que era a xénese dunha rede pública de servizos sociais, que constituiría a cuarta pata do Estado de Benestar”. Ademais lamentou que teñamos “un Goberno que xestiona de costas á xente que máis o precisa” e engadiu que “a cidadanía debemos reclamar unha mudanza no seu rumbo e iso é o que estamos facendo hoxe aquí”.


4.67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A manifestación saíu da Praza do Toural
A manifestación saíu da Praza do Toural
As traballadoras das oficinas de I+B sumáronse á protesta
As traballadoras das oficinas de I+B sumáronse á protesta
Anxo Louzao (CIG) atendeu os medios de comunicación
Anxo Louzao (CIG) atendeu os medios de comunicación
Unha ampla representación do BNG acudiu á protesta / Fotos: IGC
Unha ampla representación do BNG acudiu á protesta / Fotos: IGC