Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CANDO GALIZA DEIXOU DE SER BARATA

A deslocalización das multinacionais do telemárketing deixará na rúa 700 galegos

Un cento de traballadoras da empresa de telemarketing Sykes maniféstanse na Coruña contra o desmantelamento do seu centro de traballo.

Redacción - 13:00 15/02/2010
A meirande parte dos 700 traballadores afectados en Galiza son mulleres

A meirande parte dos 700 traballadores afectados en Galiza son mulleres

A contratación para empresas do sector do telemárketing deixa de ser rendíbel en Galiza. Así o demostra a crise que están a atravesar diferentes empresas que operan dende A Coruña ou Vigo. Este luns, un cento de traballadoras da empresa Sykes manifestáronse no polígono de Agrela (A Coruña) para amosar, unha vez máis, o seu rexeitamento ao despedimento duns 300 compañeiros, a meirande parte mulleres, e para denunciar a deslocalización dos servizos que presta a empresa a países latinoamericanos. Unha situación similar viviuse tamén en Vigo, onde os empregados doutra compañía do sector, Bosch, están en folga. Segundo os sindicatos, esta situación afectaría a outros 200 traballadores.

Sykes, “un ERE encuberto”
No caso da empresa situada na Coruña, os sindicatos falan ás claras dun “ERE encuberto” que deixará na rúa a un total de 308 homes e mulleres (a metade do cadro de persoal). Este luns foi o segundo día de protestas logo de que a compañía de telemárketing anunciase os despedimentos masivos. Baixo o lema de “ningún despido en Sykes”, un cento de traballadoras rexeitaron a situación e pediron unha solución dialogada á empresa.

Sykes Enterprises comunicou o inicio de despedimentos masivos como resposta a unha suposta baixada na contratación dos servizos de atención telefónica que presta a Vodafone. A maiores, a multinacional anunciou o peche do servizo 1004 de Telefónica, que suporía o despedimento doutras 180 persoas. Para a CIG “queda patente que nos atopamos diante dun despedimento colectivo para facilitar a deslocalización do centro de traballo, discriminando, ademais, os afectados polo peche do servizo 1004 dos traballadores de Vodafone”.

CCOO e UXT racharon este luns negociacións coa empresa ao entender falta de vontade por parte dos dirixentes empresariais. Mentres, CIG e CXT xa anunciaron que non se sentarán a negociar mentres non se presente a documentación que acredite esa falta de traballo e que poña sobre a mesa un plan de viabilidade. O vindeiro xoves celebrarase o Comité de Empresa.

En Bosch, en folga
Mentres, os traballadores doutra empresa de telemárketing de Vigo, Bosch, puxéronse en folga este luns ante a intención da compañía de deslocalizar o servizo. Segundo denuncian os sindicatos, a situación derívase tamén da autorización que xa ten Vodafone para trasladar a súa actividade a Sudamérica para proporcionar a atención os seus clientes a través de operadores de Colombia, Perú ou Chile. A CIG acusa ao goberno español de “ser cómplice” dos despedimentos por facilitar este traslado e subliña que os salarios dos teleoperadores daqueles países oscilan entre os 151 e os 233 dólares.


Ligazóns

4.5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: