Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Cualifícano de "surrealista"

Represalia pola sabotaxe do campionato de caza de raposo de Portomarín

A Coordinadora para a Protección da Fauna Salvaxe critica que a Consellaría de Medio Rural impoña multas por "facer ruído no monte".

Redacción - 12:30 18/02/2010

A Coordinadora para a Protección da Fauna Salvaxe denunciou a "represalia económica" dos activistas que participaron nas protestas contra o campionato estatal de caza de raposo de finais de xaneiro en Portomarín.

Segundo explican, durante estes días chegaron aos domicilios dos participantes cartas que comunicaban a apertura de expedientes sancionadores e a imposición dunha multa por tomar partido na sabotaxe e na posterior protesta que tivo lugar na vila durante a batida do raposo.

Para a Coordinadora a actuación da Consellaría de Medio Rural e da Garda Civil supón un atentado contra a liberdade de expresión e contra a liberdade ideolóxica, pois consideran que "oporse á caza" é un dereito democrático e lexítimo. Engaden tamén que multar os activistas por "facer ruído" durante a travesía polo monte "é surrealista".

Ademais, os ecoloxistas pregúntanse se Medio Rural actuará coa mesma vehemencia cos cazadores que están a abandonar os cans desde que finalizou a temporada de caza, como se sinala dende os diferentes refuxios de animais do país, ou se lles obrigará a colocar aos animais o chip de identificación que estabelece a lexislación.

A Coordinadora para a Protección da Fauna Salvaxe, nacida o pasado mes de outubro, é unha plataforma composta polas organizacións ecoloxistas e defensoras dos animais Abeiro, Adega, Amigos da Terra, Matar por Matar Non e Asociación Libera.


4.67/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: