Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Espolio colonial"

Novo asasinato en Guatemala dun activista contrario a Unión Fenosa

A compañía, integrada agora en Gas Natural, está acusada de adquirir irregularmente a empresa pública de distribución eléctrica e de vulnerar dereitos humanos.

Fernando Arrizado - 18:25 19/02/2010
Pablo Ceto, dirixente maia da URNG

Pablo Ceto, dirixente maia da URNG

"A situación de represión continúa a se agravar contra quen defende a dignidade e a soberanía das comunidades indíxenas fronte ás empresas multinacionais en San Marcos, Huehuetenango, El Quiché e Las Verapaces". Son palabras -en declaracións a Vieiros- de Pablo Ceto, dirixente maia da Unidad Revolucionaria Nacional Guatemalteca (URNG).

O sangue volveu correr este martes en Guatemala. Octavio Roblero, dirixente do Frente de Resistencia en Defensa de los Recursos Naturales y Derechos de los Pueblos (FRENA) e líder da loita contra Unión Fenosa-Gas Natural no Municipio de Malacatán (San Marcos) foi asasinado por varios descoñecidos que, desde un vehículo, o cribaron fronte ao seu negocio.

O nome de Roblero figuraba na lista de persoas que, por estar baixo ameaza de morte, interpuxeron un recurso de exhibición persoal, entregado á Presidencia da Corte Suprema de Xustiza de Guatemala, o pasado 20 de xaneiro, como unha medida de protección.

Unha semana antes tamén era asasinada a tiros Evelinda Ramírez, presidenta do Comité do FRENA, cando regresaba da capital do país xunto con tres compañeiros dirixentes. Non era nin a primeira vítima nin, tal e como se confirmou esta semana, sería a última.

Antes que Ramírez e Roblero foi a vida de Víctor Gálvez, outro activista de Malacatán, a que levaron por diante. Precisamente, o grupo de Evelinda Ramírez viña de se reunir durante dous días con diferentes autoridades do Goberno para reclamar o esclarecemento do seu asasinato, a suspensión do estado de sitio decretado en San Marcos e a expulsión de Unión Fenosa do país.

Irregularidades de Unión Fenosa

Fenosa, agora integrada en Gas Natural, está denunciada entre outras cousas por atentar contra os dereitos humanos. O pasado 30 de novembro, máis de medio cento de organizacións e movementos sociais, partidos políticos e sindicatos enviaron unha carta ao presidente do goberno español, ao catalán e aos directivos de Gas Natural, La Caixa e Repsol exixindo responsabilidades.

As irregularidades non fican aí. A Corte de Constitucionalidad guatemalteca determinou en novembro de 2004 que a empresa, a través da súa filial DEOCSA, estaba a realizar cobros indebidos mediante un imposto ilegal, e que debía devolver aos usuarios os importes cobrados, que ascenden a perto de 200 millóns de euros. Porén, a día de hoxe, a empresa española segue a recadar fraudulentamente ese diñeiro.

Ademais, cuestiónase a adquisición irregular da empresa pública de distribución eléctrica por parte de Unión Fenosa. "Desde que en 1998 o Estado privatizou a distribución da enerxía eléctrica entregándollela ás empresas transnacionais españolas Unión Fenosa e Iberdrola, o servizo de electricidade tornouse nun problema que pesa sobre as costas do pobo", sostén o FRENA.

Lonxe de ceder na súa postura -e sen ninguén que lle faga cumprir a lei-, Unión Fenosa respondeu á loita dos movementos sociais con represalias contra a poboación, en ocasións mesmo deixando sen subministro eléctrico as comunidades que protestaron polas altas tarifas, a mala calidade do servizo e os cobros indebidos.

Pablo Ceto (URNG): "Un novo espolio colonial"

E mentres todo isto acontece, sinala o ex deputado indíxena Pablo Ceto, "o actual goberno pon cara de socialdemócrata fronte á comunidade internacional". "Trátase dun novo espolio colonial, neocolonial, neoliberal. Son as empresas multinacionais coa complicidade dos gobernos que están agora cometendo este espolio dos nosos recursos naturais a costa das vidas dos nosos líderes", di.


Ligazóns

4.78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manifestación contra Unión Fenosa, o pasado mes de decembro (clique para ampliar)
Manifestación contra Unión Fenosa, o pasado mes de decembro (clique para ampliar)
Os movementos indíxenas loitan por evitar o espolio estranxeiro dos seus recursos naturais (clique para ampliar)
Os movementos indíxenas loitan por evitar o espolio estranxeiro dos seus recursos naturais (clique para ampliar)
Cartaz da marcha organizada polo Comité de Unidad Campesina no seu 30º aniversario, en 2008 (clique para ampliar)
Cartaz da marcha organizada polo Comité de Unidad Campesina no seu 30º aniversario, en 2008 (clique para ampliar)