Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Proclamada candidata do Partido dos Trabalhadores

Dilma Rousseff inicia oficialmente o camiño para ser a primeira presidenta do Brasil

No seu cuarto congreso, o PT escóllea para relevar a Lula á fronte do país. De momento é superada nas enquisas polo opositor José Serra (PSDB).

Redacción - 19:00 20/02/2010

"Hai un rumbo trazado e temos a experiencia para construír o terceiro goberno democrático e popular da historia de Brasil", afirmou Dilma Rousseff este sábado, ao ser elixida oficialmente como a candidata do Partido dos Trabalhadores (PT) para as próximas eleccións presidenciais do 3 de outubro. Na altura dos 62 anos, a economista e actual xefa de gabinete no executivo liderado por Lula da Silva, que non pode presentarse a un novo mandato, aspirará así a converterse na primeira muller que accede á presidencia brasileira.

Rousseff deixará o seu posto no goberno o próximo 3 de abril, en cumprimento coa lei electoral, para adicarse de cheo á súa candidatura. Como tarefa inmediata para que o PT manteña a hexemonía no poder da que goza desde 2002, deberá negociar cunha ducia de partidos da esquerda e o centro político brasileiro a articulación dunha plataforma común que garanta ademais a reedición dunha coalición como a que actualmente pilota o país. Nese escenario, o PT xa aprobou un documento onde chama a afondar nas políticas desenvolvidas polo executivo de Lula. De xeito especial, o texto propón entre outros un maior protagonismo para as empresas estatais, a ampliación dos programas de benestar social e a introdución de taxas para as maiores rendas.

De momento, Dilma Rousseff inicia a carreira cara ás presidenciais lixeiramente por tras do principal candidato opositor, o actual gobernador do Estado de São Paulo, José Serra, do Partido da Socialdemocracia Brasileira (PSDB), quen a supera nas sondaxes por un abano de entre 5 e 10 puntos. As enquisas indican ademais o amplísimo apoio social co que Lula deixará o cargo, con índices de popularidade arredor do 80%.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: