Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Informe do Comité Cidadán de Emerxencia

Os datos demostran a realidade do mercado: "A planta de Mugardos é innecesaria"

Ao tempo, o CCE solidarízase cos mariscadores xulgados este luns polo peche en 2007 na Autoridade Portuaria de Ferrol.

Redacción - 18:45 22/02/2010
Tags: CCE Reganosa

"Estes datos demostran a realidade do mercado: a planta de Mugardos e totalmente innecesaria, case toda a demanda a cobren as demais (Reganosa só aporta o 6,5% do total) e só está a dar custos para o sistema de gas, que está obrigado a restituír o investimento feito, aínda que a Planta so aporte unha cantidade simbólica ao conxunto do sistema gasista".

A denuncia é realizada desde o Comité Cidadán de Emerxencia á luz do informe achegado desde o colectivo universitario F-CAPE, onde se advirte que a planta de Reganosa quedou por baixo dos mínimos de seguridade técnica. O estudo baséase na esixencia legal de que cada planta de regasificación dispoña dun volume mínimo (o chamado "gas talón"), que asegura que se poderá relicuar o gas que se xera de xeito natural nos tanques, "evitando así a súa emisión á atmósfera". Trátase dunha xeración de gas "inevitábel" malia o illamento dos tanques. Ao respecto, a análise dos datos de Reganosa do período 13-16 de febreiro amosa que a planta "estaba por baixo da existencia mínima por seguridade técnica, rozando tamén o valor do gas talón de 27.000 m³".

"Unha vez mais confírmase que esta planta e deficitaria pola baixa contratación que as empresas comercializadoras fan", expoñen, "así polos datos dispoñíbeis, as plantas de Sagunto, Bilbao e Cartaxena teñen estabelecido un mínimo técnico máis do dobre de Mugardos e no caso de Huelva e Barcelona, o seu valor é cinco veces maior".

Solidariedade cos mariñeiros xulgados
O 30 de maio de 2007, un grupo de traballadores do mar entraba no despacho do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Amable Dopico, en protesta polas irregularidades acontecidas para favorecer a entrada na ría dos gaseiros que navegaban cara á planta de Reganosa.

Os mariñeiros esixíanlle un determinado documento relativo á entrada do gaseiro Mourad Didouche e non foi até logo de tres horas de peche cando finalmente o presidente da Autoridade Portuaria, despois de asegurar que non existía, accedeu a mostralo. De xeito paralelo, veciños convocados polo Comité Cidadán de Emerxencia concentrábanse no peirao ferrolán en protesta pola entrada ilegal de gaseiros.

O acontecido orixinou unha denuncia tramitada polo xulgado do penal de Ferrol. O caso continúa este luns no xuízo, onde 14 mariscadores que participaron naquela acción son acusados de presunto delito de desordes públicas e para os que a Fiscalía reclama nove meses de cárcere e unha indemnización á Autoridade Portuaria. O Comité de Emerxencia solidarízase cos acusados e pide que a causa sexa sobreseída.


4.38/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: