Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Vulneración de liberdade sindical"

Os estaleiros impiden a realización de asembleas convocadas pola CIG

Argumentan que "deben estar avaladas polo 33% dos delegados do persoal laboral da industria auxiliar ou dos comités das empresas principais". A central é maioritaria.

Redacción - 11:15 27/02/2010
Prepárase unha protesta para marzo

Prepárase unha protesta para marzo

A CIG-Metal denunciou ante a Inspección de Traballo que os estaleiros se negaron a autorizalos a organizar asembleas de traballadores para informar da actual situación do sector naval na provincia de Pontevedra e do acordo sobre a desaparición da bolsa de emprego, asinado por patronal e os sindicatos CC.OO e UXT.

O sindicato nacionalista explicou que este venres comezaba a quenda de asembleas que programaran en centros de traballo do naval, sendo a primeira no estaleiro vigués de Vulcano. No entanto, denunciou a "postura unánime" dos estaleiros, que responden por escrito á solicitude de facer asembleas na 'hora do bocadillo' dicindo que a central "non está lexitimada como sindicato".

Argumentan que as convocatorias "deben estar avaladas polo 33% dos delegados do persoal laboral da industria auxiliar ou dos comités das empresas principais".

Para a CIG, esta negativa é "unha falta de respecto á representación sindical", sobre todo cando é esta central a maioritaria na industria auxiliar. Así, puxo os feitos en coñecemento da Inspección, estimando que se trata dun caso de "vulneración de liberdade sindical".

Posíbel grande mobilización
En todo caso, anunciou que, "malia as tentativas de impedimento", a vindeira semana haberá asembleas no resto de estaleiros, "aínda que teña que ser por enriba do portalón".

Nos encontros denunciará que a patronal quere "impor" unha bolsa bianual de 200 horas, e analizará a posibilidade de convocar "unha importante mobilización na segunda semana de marzo en defensa do emprego e pola regulación da contratación" no sector.


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: