Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Palestina

Israel, facendo amigos

O Exército -que perde un soldado por "fogo amigo"- lanza o segundo ataque sobre Gaza en dous días, e Netanyahu desafía os EUA. O Reino Unido expulsará un diplomático israelí pola operación do Mossad en Dubai o mes pasado.

Fernando Arrizado - 11:00 23/03/2010
Netanyahu, este luns no AIPAC

Netanyahu, este luns no AIPAC

Se alguén dubidaba das intencións da extrema dereita israelí cando hai pouco máis dun ano chegou ao goberno, estas vanse facendo máis patentes -e sen complexos- día a día.

Este luns, en plena polémica pola construción de novos asentamentos ilegais en Xerusalén Este e malia a presión (morna) internacional, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu reclamaba en solo estadounidense o dereito do "pobo xudeu" a construír na que considerou "capital" do Estado israelí.


E mentres que o mandatario defendía ante o AIPAC, un importante lobby israelí dos EUA, a construción de 1.600 novas vivendas na destinada a ser capital dun futuro hipotético Estado palestino, ocupada por Israel durante a Guerra dos Seis Días de 1967, o Exército golpeaba Gaza de novo.

Cinco civís resultaron feridos polo segundo ataque aéreo en dous días realizado sobre a Faixa, logo de disparar un mísil contra un edificio que supostamente estaba abandonado. Outras tres casas veciñas resultaron danadas pola detonación.

A incursión é unha resposta ao lanzamento dun proxectil a territorio controlado por Israel que provocou a morte dun inmigrante tailandés a semana pasada.

Paralelamente, un soldado israelí morreu baixo o chamado "fogo amigo" cando dúas patrullas perseguían tres palestinos que atravesaran o "valado de seguridade" cara a zona israelí, algo habitual entre os cidadáns de Gaza que van á procura de traballo. Finalmente, os "intrusos" -que ían desarmados- foron detidos.


Por outra banda, os medios británicos informan que o goberno do país responsabilizará formalmente o executivo israelí do asasinato dun dirixente de Hamas en Dubai o mes pasado, nunha operación que supostamente levou a cabo o Mossad usando pasaportes falsos de diversos estados europeos. Segundo a BBC, un diplomático será expulsado do Reino Unido.


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un dos feridos no ataque israelí deste luns en Gaza
Un dos feridos no ataque israelí deste luns en Gaza
"Coidado! Axente da OLP na Casa Branca", reza un cartaz en Xerusalén Este
"Coidado! Axente da OLP na Casa Branca", reza un cartaz en Xerusalén Este
Obras nun asentamento israelí, en Xerusalén Este, o mes pasado
Obras nun asentamento israelí, en Xerusalén Este, o mes pasado
Fotografía de Mahmoud Al Mabhouh, dirixente de Hamás asasinado en Dubai
Fotografía de Mahmoud Al Mabhouh, dirixente de Hamás asasinado en Dubai