Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
En Irlanda

O Papa pídelles perdón ás vítimas de abusos

Bieito XVI fai pública unha carta onde expresa a súa consternación polos abusos "criminais" e "pecaminosos" cometidos por membros da Igrexa Católica.

María Golpe - 10:55 24/03/2010

O Papa Benedicto XVI pediulles oficialmente perdón ás vítimas de abusos cometidos por relixiosos na República de Irlanda. Nunha Pastoral publicada este sábado e dirixida a comunidade católica irlandesa, o pontífice describe os abusos sufridos por nenos e nenas durante décadas de ‘criminais’ e ‘pecaminosos’, e salienta a súa consternación ante a resposta ‘inaxeitada’ das autoridades eclesiásticas do país.

Dirixíndose ás vítimas e ás súas familias, o Papa di: “A vosa confianza ten sido traizoada e a vosa dignidade violada. (...) É comprensible que atopedes difícil poder perdoar ou reconciliarvos coa Igrexa. No seu nome, abertamente expreso a vergoña e os remordementos que todos sentimos. Ao mesmo tempo, pídovos que non perdades a esperanza.”

No parágrafo dirixido aos relixiosos involucrados en abusos a menores, o Pontífice pídelles ‘tomar responsabilidade polos pecados cometidos’, así como aceptar as súas accións e someterse ás ‘demandas da xustiza.’ "Tedes traizoada a confianza depositada en vós por xente inocente e os seus pais, e por iso debedes responder ante Deus e ante os tribunais,” di a carta.

A Pastoral foi ben recibida polas autoridades católicas irlandesas, incluído o Cardeal Seán Brady que expresou o seu agradecemento ao Papa pola súa ‘xenerosidade’. Sen embargo, grupos de apoio ás vítimas expresaron a súa decepción, xa que a Pastoral non esixe a dimisión dos bispos e cardeais que tiñan coñecemento dos abusos pero nunca os denunciaron ás autoridades, incluíndo o mesmo Seán Brady. Outras preocupacións das vítimas tampouco foron mencionadas na Pastoral, tal e como expresa no seu blog unha das vítimas, Colm O’Gorman (www.colmogorman.com).

O’Gorman, escritor, fundador da ONG One in Four e director de Amnesty International Ireland, critica a Pastoral, xa que o Vaticano non acepta abertamente responsabilidade polo acontecido nin polo ‘encubrimento sistemático’ dos crimes.
Segundo O’Gorman, o Papa ‘está mais preocupado por atraer xente á igrexa que coa protección de menores’, xa que en ningún momento o Pontífice indica a intención de incorporar na lei canónica medidas que obriguen a denunciar ante as autoridades civís abusos a menores cometidos por relixiosos. “Se o Papa estivera xenuinamente preocupado polo benestar das vítimas, centraríase en asegurarse de que non hai mais vítimas no futuro, non só en Irlanda senón na Igrexa a nivel global. Era un exercicio simple: aceptar o feito de que a Igrexa encubriu os crimes, tomar responsabilidade e mostrar que se vai facer para asegurarse de que non volva pasar.”


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: