Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reforma pendente na función pública

Para unhas oposicións limpas: pechar os furados e facer ilegal o que é "amoral"

Os escándalos recentes demostran a urxencia de cambios malia a reticencia da Xunta. Falamos con formacións políticas e sindicais sobre as prioridades e modificacións posíbeis.

R.N - 18:20 29/03/2010

Non é ético pero é "legal". É a paradoxal avaliación coa que, inicialmente desde o grupo maioritario no Parlamento valoraban un dos últimos escándalos acontecidos nun proceso de oposición á administración pública. Arrefriado o fragor do combate político, o sentidiño pareceu facilitar unha segunda lectura da situación por parte do PPdeG. Coa actual dirección do partido tratando de marcar distancia cos modos do PP ourensán, lastrado polas reiteradas denuncias de nepotismo e clientelismo no manexo da oferta pública na deputación provincial, o asunto ameazaba abrir unha nova fenda a nivel da Xunta.

Acusacións de relaxación do control e volta de vellas manobras
"Como regra xeral os procesos son limpos, pero hai inercias e redes clientelares do pasado que se reactivan e aproveitan os buratos", láiase Fernando García, da CIG-administración, advertindo de que "aínda que de cada 50 só haxa unha mazá podre", o problema non deixa de existir. En sentido parecido se pronunciado o voceiro do BNG na área de Función Pública, Alfredo Suárez Canal, para quen a actualidade recente trae outra vez a primeiro plano anomalías cun modus operandi que non se detectaba precisamente desde a anterior etapa do PP no poder, até 2005. Para Francisco Núñez, da UXT-Galicia, hai intereses "herdados" e "bastardos" que teiman en deixar abertos buratos no sistema. Núñez xustifica así a negativa do sindicato que representa a formar parte dos tribunais, alegando que, malia facer oídos xordos ás reclamacións pola falta de transparencia e seguridade xurídica, a Xunta pretende dar aparencia de limpeza. "Só nos queren para darlle cobertura legal ao que no fondo permite mangonear coma sempre", quéixase. E engade outro requirimento: impedir que empresas privadas entren no proceso, xa que se demostrou en ocasións anteriores que ten sido unha das vías de filtración nas probas.

Nese sentido, o seguimento rigoroso de todos os procesos e mecanismos de fiscalización que aseguren a transparencia son requirimentos subliñados tamén por Suárez Canal para evitar que se reproduzan os escándalos. Para o nacionalista é básico ademais que o Goberno "asuma responsabilidades políticas". Ao fío recorda que hai pouco que a Xunta asegurou en sede parlamentaria que se adoptaran medidas para evitar filtracións de exames e malia iso a pasada semana debía abrirse unha nova investigación que implicaba a subdirección xeral de Recursos Humanos do Sergas.

Ese último caso abrollado no Sergas foi denunciado polo deputado socialista Xosé Manuel Lage Tuñas, quen chancea preguntando se é "milagre ou casualidade" que o marido da subdirectora xeral fose a segunda mellor nota entre máis de sete mil persoas que se presentaron á oposición. Para Lage estaría claro que se trata da "punta do iceberg" dunha Xunta "chea de buratos negros de proporcións escandalosas" nos procesos selectivos. Insisten ademais os socialistas en esixir a dimisión do director xeral da Función Pública, Xosé María Barreiro, recordando ademais que é "man dereita do presidente do PP coruñés", Carlos Negreira. O deputado socialistas láiase de que, lonxe de reprobar o acontecido, "o PP xustifica e ampara isto sen rubor e con absoluta inmoralidade".

Medidas urxentes a curto prazo e reforma da lei en 2010
O voceiro do PPdeG na área de Función Pública, Antonio Rodríguez Miranda, insiste en conversa con Vieiros en que a investigación recente determinou que os casos denunciados pola oposición "respondían plenamente á legalidade". Con todo, admite que as coincidencias "non eran as máis desexábeis" e afirma que o seu grupo ten vontade de impulsar as reformas necesarias para "evitar suspicacias". Insiste Rodríguez Miranda en que se trata de casos "puntuais" e conflitos "fortuítos" e xustifica que nas xuntanzas con representantes sindicais non se esixiron dimisións senón que se demandou de actuacións concretas que corrixan os furados atopados.


O propio Miranda avanza que, de xeito inminente, o Consello da Xunta aprobará unha modificación urxente co obxectivo de estabelecer "normas máis restritivas". Para o portavoz do PP, isto garantiría que "calquera dúbida quede disipada". O obxectivo será evitar problemas na composición dos tribunais como os acontecidos recentemente, onde altos cargos aparecían á vez como membros dun tribunal ao tempo que optaban a prazas da administración. Desde o PP teiman en que, malia a alarma suscitada, a investigación da Xunta confirmou que "non se alterou o desenvolvemento dos procesos selectivos".

Para o ex conselleiro Alfredo Suárez Canal, as prioridades son máis amplas que a simple corrección de incompatibilidades como a do caso aludido. O estabelecemento dun sorteo para elixir os compoñentes dun tribunal, no canto de seren elixidos a dedo, ou a elaboración das preguntas dos exames a través dun sistema informático que non permita a filtración das cuestións, son elementos fundamentais para o deputado nacionalista. "Aquí pode poñerse un foguete na lúa apertando o botón dun computador pero seica non se pode facer un sistema aleatorio para a composición dun cuestionario de exame", ironiza sobre o mesmo asunto o responsábel da UXT-Autonómica.

Os últimos parches púxoos o bipartito en 2007
Racionalización, profesionalización, transparencia e respecto dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade xa foi terminoloxía manexada en 2007 cando se impulsou a anterior modificación da lei de Función Pública. Malia iso, aquela reforma foi coñecida por abrir unha importante polémica coa introdución do chamado plus aos altos cargos, sobresoldo reiteradamente denunciado polos sindicatos e conflito que a día de hoxe aínda non se amañou, co Goberno aínda bloqueando a publicación dos ex altos cargos beneficiados por este salario.

Mentres, e malia ser valorada de xeito global positivamente, os sindicatos tamén coinciden en queixarse de falta de ambición. "Eran insuficientes pero positivas", sinala Fernando García Díaz, da CIG-administración. "Nós fomos duros no debate pero era un paso que melloraba o existente", concede Francisco Núñez desde a UXT-Galicia. Ben é certo que desde o bipartito, a Consellaría de Presidencia daquela pilotada polo socialista Xosé Luís Méndez Romeu, aseguraba que se trataba dun adianto provisional dunha reforma máis profunda que chegaría en 2009 cunha nova lei de función pública. O cambio de goberno deixou no caixón a reforma, mais no programa do PP a necesidade desa reforma aparecía tamén e o redeseño da normativa está na axenda do actual executivo.

O conxunto das forzas políticas coincide aínda na necesidade dunha nova lei de función pública, aspecto que recollían xa nos programas cos que acudiron aos últimos comicios e que aprazou o relevo de poder na Xunta. Rodríguez Miranda ponlle data á reforma: chegará ao Parlamento antes de que remate 2010. Así e todo, os regulamentos que desenvolvan o marco xenérico fixado pola nova lexislación, estenderán máis aló moitos dos cambios prácticos urxidos no día a día.


4.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: