Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Campañas institucionais nos medios

A Xunta defende a emisión en castelán da súa publicidade en Galiza

Malia que se agardaba unha rectificación, o conselleiro de Educación teimou en argumentar "bilingüismo" para xustificar a decisión.

Redacción - 13:15 28/04/2010
Tags:

"Seica o galego non lles vale?", preguntáballe esta cuarta feira Bieito Lobeira, deputado do BNG, ao Goberno. A interpelación viña a conto da emisión en castelán durante as pasadas semanas dunha campaña sobre o apagamento analóxico e a transición á TDT nas radios do país. O feito inédito de que se emita en castelán a publicidade institucional que a Xunta deseña especificamente para a súa difusión nos medios galegos causou a sorpresa e a indignación na oposición e nos colectivos que traballan en prol da normalización lingüística. "Non sucedera nin durante os gobernos de Fraga", recorda o deputado do Bloque.

En resposta formal ao asunto e malia que supostamente a Xunta paralizara a emisión desta publicidade, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, evitou rectificar o acontecido. Lonxe diso, e no canto de prometer o cumprimento da legalidade en favor da normalización lingüística, Vázquez defendeu o emprego do español na publicidade institucional do Goberno baixo o argumento do "bilingüismo".

Un argumentario que foi cualificado de "hipocrisía" por parte do voceiro nacionalista, quen ironizou ao respecto da solicitude achegada pola secretaría xeral de Política Lingüística para que o Papa use o galego durante a súa visita a Galiza. "Parécenos moi ben que lle pidan a un señor de Baviera que fale en galego, pero empecen aplicándose o conto; que os deputados e os conselleiros do Partido Popular falen en galego, que a sinaléctica do Xacobeo no país tamén estea en galego, que as campañas de Galicia Calidade tamén se fagan na nosa lingua e que a Xunta cumpra a legalidade e faga as súas campañas institucionais en galego", resumiu Lobeira.


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: