Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Plan LIA 2010-2015

O galego, 'esquecido' tamén no plan da Xunta para as bibliotecas escolares

PSdeG e BNG cualifican o proxecto presentado por Educación de "xenérico", e cuestionaron o orzamento previsto para o seu desenvolvemento.

Redacción - 09:30 12/05/2010
Xesús Vázquez, este martes no Hórreo

Xesús Vázquez, este martes no Hórreo

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, anunciou este martes a posta en marcha do novo Plan LIA 2010-2015, para o "apoio e fomento das bibliotecas escolares e a lectura", que incluirá entre as súas actuacións o programa de mellora destas instalacións, posto en marcha en 2005, e que agarda estendelo ao 70% dos centros públicos do país para 2015.


Porén, ambas as dúas formacións da oposición parlamentaria criticaron diversos aspectos do mesmo. En concreto, socialistas e nacionalistas cualificárono de "xenérico" e cuestionaron o orzamento previsto para o seu desenvolvemento.

BNG: "Índices de lectura baixos, máis aínda en galego"

En particular, a deputada do BNG Carme Adán criticou aconcreto ausencia da figura da biblioteca na regulación orgánica de centro das Escolas Oficiais de Idiomas e dos Conservatorios.

Ademais, destacou que no Plan Lía se eliminase o artigo do Plan de Mellora de Bibliotecas que facía referencia á adquisición, polo menos, dun 50% de fondos en lingua galega, mudado pola "promoción de linguas que teñan presenza" no centro".

"Se os índices de lectura en Galiza son baixos, aínda o son máis os índices de lectura en galego", polo que a deputada nacionalista reclamou unha maior protección neste ámbito ao tempo que recordou que a "multiculturalidade xa estaba recollida no Plan de Mellora de Bibliotecas".

PSdeG: "O compromiso co galego non se pode reducir ao 17 de maio"

Neste mesmo senso, pronunciouse o deputado do PSdeG Guillerme Meijón, que incidiu no "menor hábito de lectura en lingua galega" e reclamou que os escolares "teñan máis recursos educativos ao seu alcance". "O compromiso das bibliotecas escolares coa lingua galega non se pode reducir ao 17 de maio", indicou.

O deputado socialista recordou que o anterior Goberno investiu nas bibliotecas uns nove millóns de euros durante todo o mandato, fronte aos "250 mil euros de todo o anterior goberno do PP", e a "redución de entre un 20% e un 30% das partidas orzamentaria" con respecto a 2009.

Meijón tamén criticou outras medidas como a supresión da gratuidade dos libros de texto. "Esperemos que o Plan LIA (Plan para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe) non a líe (termo castelán para 'enlear') máis", sentenciou.


2.33/5 (3 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: