Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Festa do idioma na capital do país

A lingua, "a nosa identidade, o noso ser"

Foron verbas lembradas este luns en Compostela, no Día das Letras que homenaxea a Novoneyra, durante o acto final da masiva mobilización que ateigou as rúas da cidade até o Obradoiro.

R.N - 14:45 17/05/2010

"Que lles molesta? Que lles proe? Que o rañen! Imos defender Galiza e a nosa lingua!". Subliñando o espírito reivindicativo da festa que a prol do galego xuntou milleiros de persoas na capital do país, remataba o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a quenda de intervencións este luns na Praza do Obradoiro. Un espazo ateigado que deu mostra palpábel de que a forza mobilizadora non esmorece e choiva ou faga sol responde en favor do idioma unha e outra vez.

Houbo tempo para a reflexión e a reivindicación, para o humor, a chanza e o rexoubeo, para a música e a poesía. No Día das Letras, a cidadanía respondeu á convocatoria e de xeito masivo encheu as rúas de Santiago de Compostela atrás do lema proposto pola Plataforma Queremos Galego: "O galego, o noso existir".

"Coa lingua hai que estar, si ou si"
E nesta xornada de 2010 na que o país homenaxea a Uxío Novoneyra, desde as terras courelás chegou a emoción do saúdo da familia do finado poeta: "Hoxe está aí convosco, chantado no medio da praza, en favor da lingua, a base da nosa identidade e do noso ser". Ao fío, recordou o presidente da Mesa un texto escrito por Novoneyra a mediados dos 80: "A nosa lingua é a nosa patria, aínda máis que o propio territorio, nela aínda o descoñecido, nunca é alleo para nós". Un texto onde Novoneyra facía un chamamento á implicación de toda a cidadanía, independentemente de credos e partidos, a prol da defensa da identidade propia, nomeadamente, da lingua.

"Todo político que non vexa isto, queda fóra, deslexitimado para exercer a representación da súa terra", porque todos somos galegos e todos temos responsabilidade como galegos "que ultrapasan ideoloxías". Responsabilidades "máis profundas" diante das cales "non valen medias tintas". Porque con Galiza e co galego "hai que estar, si ou si". "E non se pode dicir que se está con Galiza cando non se sente a responsabilidade da supervivencia da lingua como meta primordial", deixou escrito o poeta do Courel.

Prognosticaba Uxío Novoneyra que o futuro será moi distinto dependendo de se a lingua pervive ou non: "Así nos gobernaremos ou seremos gobernados, carne da historia ou homes libres en pobo libre".

O decretazo, centro dos reproches á Xunta
"Se unha persoa cre en Galiza e nas potencialidades da nosa cultura, ten que crer na lingua, mais o noso presidente non cre", laiouse Carlos Callón durante a súa intervención, acusando o executivo de gobernar de costas á maioría da sociedade e cualificando de inédita a teima en manter o 'decretazo' malia a ampla suma de rexeitamentos en contra desa medida que se veñen colleitando os últimos meses. "Esiximos recuperar os consensos aos que chegamos entre todos", reivindicou Callón, recomendándolle á Xunta volver ao rego do diálogo.

O acto comezara coa animación desde o escenario da actriz Isabel Risco e contou logo coa intervención do dramaturgo Quico Cadaval mantendo o ánimo festeiro mentres se facía tempo para que a xente furase espazo co Obradoiro xa ateigado. "No momento en que todos os días sexan das letras xa non haberá que celebrar este Día das Letras", berrou un inspirado Cadaval que aínda tería tempo para chancear sobre o Himno galego, "o único que comeza cunha interrogación" e parafrasear a Cunqueiro animando a que cada quen sirva a nación "desde o seu oficio e condición".

"En galego, temos futuro"
De seguido, e até por dúas veces para que os que ían chegando por unha entrada da praza mentres facían espazo pola outra beira, puidesen escoitalo, leuse o manifesto de Queremos Galego. Un manifesto desgadellado en media ducia de pezas que leron sucesivamente Iria Taibo, Uxía Senlle, Xabier P.Docampo, Marta Dacosta, Antonio Durán 'Morris' e Carlos Blanco:

"O idioma é para a inmensa maioría das galegas e dos galegos un patrimonio propio, único, insubstituíbel, sentímolo como algo noso, independentemente da lingua que empreguemos no día a día: É a nosa creación máis valiosa, e perténcenos", comeza o manifesto.

"Poucas dúbidas ha de que se Galiza ten hoxe un certo grao de autogoberno, cunhas institucións propias é, nunha parte fundamental, debido a termos unha lingua e unha cultura propias", prosegue o texto, animando a continuación a usar, defender e promover "a lingua que nos une". "Só en galego Galiza ten futuro: en galego temos futuro".


4.87/5 (63 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: